Román Rodríguez asegura que o proxecto ‘Nós’ será o paso decidido para situar o galego no mundo dixital e potenciar o seu uso entre a mocidade

O conselleiro explica no Parlamento que “unha lingua viva dixitalmente terá máis garantías de futuro”, polo que este proxecto “amplificará os usos e o prestixio do noso idioma”

Avoga por traballar “en positivo desde o respecto, a tolerancia e a liberdade” que establece o marco normativo vixente e o sentir maioritario dos galegos

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

O Goberno galego está traballando de cheo no reto de incorporar o galego ao eido dixital en pé de igualdade con outras linguas, unha acción que se vai facer realidade a través do Proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que foi presentado onte mesmo coincidindo coa semana das Letras. Desde a Xunta estanse dando pasos decisivos de adaptación aos novos tempos, fomentando actitudes positivas cara o galego; coa aspiración de lograr ampliar os usos da lingua no conxunto da sociedade e, sobre todo, entre as xeracións máis novas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, expuxo ante o pleno do Parlamento que o Proxecto Nós “suporá o salto decidido do noso idioma ao mundo dixital e, deste mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade, xa que −engadiu− unha lingua viva dixitalmente terá máis garantías de futuro”. O obxectivo é que o idioma galego se incorpore e participe dos novos desenvolvementos tecnolóxicos, de forma que se poida interactuar na lingua de Rosalía no mundo dixital ao mesmo nivel que linguas como o inglés ou o castelán.

Segundo explicou o conselleiro, o Proxecto Nós “garantirá que os cidadáns poidan participar do mundo dixital sen renunciar á súa lingua propia, situando á nosa Comunidade na vangarda do uso de Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe aplicadas a este fin”. Esta iniciativa permitirá xerar e compilar unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, gratuítos e en código aberto, para que podan ser empregadas por empresas e institucións.

Traballar en positivo

Ademais, a presenza do idioma no eido dixital “amplificará os usos e o prestixio da nosa lingua”, matizou o conselleiro, que subliñou tamén que esta iniciativa é “un bo exemplo do que debe ser o traballo en positivo a prol da nosa lingua. A este respecto, Román Rodríguez agarda que a lingua deixe de ser obxecto de “confrontación política” para avanzar no futuro do galego en todos os ámbitos “sempre desde o respecto, a tolerancia e a liberdade” e tendo en conta o marco normativo vixente e o “sentir da maioría de galegas e galegos”.

O conselleiro de Cultura puxo en valor o apoio institucional da Xunta ao idioma galego, grazas ao cal, a día de hoxe, ten un uso normalizado en ámbitos como o audiovisual, tal e como se comprobou recentemente en Madrid coa estrea de Cuñados en versión orixinal subtitulada.

Do mesmo xeito, a normalización e o equilibrio é o modelo que rexe no sistema educativo, co aval dos datos. Por exemplo, o informe PISA constata que Galicia é a comunidade onde o alumnado fala dúas linguas con máis facilidade, e o 96% dos alumnos afirman falalo bastante ben como para conversar con outras persoas por diante doutras comunidades con lingua propia.

Ademais, este mesmo informe sitúa o alumnado galego á cabeza en respecto e tolerancia por outras culturas, un indicador que, a xuízo do conselleiro, “ ten un alto valor xa que outras comunidades autónomas con lingua propia están nas últimas posicións”.

Imaxes relacionadas