A Xunta incoará estes mes a declaración BIC da Casa Cornide, que protexerá os seus valores culturais de maneira integral

O conselleiro Román Rodríguez anuncia no Parlamento que Patrimonio ten listo o expediente deste ben logo dos informes favorables das institucións consultadas

Reitera o compromiso inquebrantable da Xunta coa protección do patrimonio de Galicia desde o consenso, coas máximas garantías e respecto ao marco normativo

Lamenta que o Goberno central non exerza as súas competencias para a ampliación do BIC de Meirás nin teña respondido na última semana ao convenio de colaboración proposto pola Xunta para habilitar á Comunidade a adoptar esta medida

Garante que a Asesoría Xurídica Xeral seguirá cooperando coa Avogacía do Estado, sumándose ás accións xudiciais tras a presentación do incidente de execución

Reitera que a familia Franco deberá ampliar a documentación para tramitar a solicitude sobre as estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou hoxe no Pleno do Parlamento que a Xunta de Galicia incoará este mesmo mes o expediente da declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Casa Cornide, na Coruña, cumprindo así o compromiso adquirido.

Isto garantirá a protección integral dos seus valores culturais desde o mesmo momento da incoación e ata a aprobación definitiva, adoptando as medidas que sexan precisas para garantilo. A decisión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conta cos informes favorables das tres institucións consultadas na tramitación: o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela.

O titular de Cultura da Xunta fixo, ademais, un exhaustivo repaso da situación das Torres de Meirás logo das últimas decisións xudiciais e reiterou, unha vez máis, o compromiso inquebrantable da Xunta coa protección do patrimonio de Galicia desde o consenso das administracións implicadas, actuando sempre coas máximas garantías xurídicas e respecto ao marco normativo, que fai imprescindible dar pasos con todo o aval técnico e a solidez xurídica dun proceso no que Galicia está sendo pioneira.

Unanimidade política e social

Román Rodríguez lembrou que ningún dos éxitos acadados nos últimos meses terían sido posibles sen a unanimidade de todas as forzas políticas no Parlamento, o sentir maioritario de todos os galegos e os pasos iniciados desde a propia Xunta.

Sobre a ampliación do BIC de Meirás, de xeito que abranga tamén determinados bens do seu interior e non só o inmoble, lamentou que o Goberno do Estado non estea exercendo as súas competencias, de acordo tanto coa lei de patrimonio nacional de 1985 como coa tese defendida durante o preito que posibilitou a sentenza favorable. Neste senso, confirmou ademais que -case unha semana despois- a Xunta non ten resposta ao convenio de colaboración proposto que permitiría resolver as discrepancias xurídicas existentes entre os letrados de ambas administracións. Coa sinatura dese acordo, a Xunta estaría habilitada para realizar a ampliación do BIC, polo que animou a non desviarse da senda do entendemento e non perder nin un minuto máis.

Así mesmo, Román Rodríguez garantiu a total cooperación da Asesoría Xurídica da Xunta coa Avogacía do Estado, que vén caracterizando todo o proceso, sumándose as accións emprendidas tras a recente presentación dun incidente de execución.

Bens vinculados a Galicia desde hai séculos

Por último, referiuse en particular ás estatuas do Mestre Mateo e a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, ambos bens que gozan da máxima protección como BIC. O conselleiro explicou que a Xunta entende que estes bens están vinculados ao patrimonio de Galicia, pois as figuras levan aquí máis de 800 anos e a colección bibliográfica foi realizada pola escritora coruñesa, de cuxa morte cúmprense hoxe precisamente 100 anos.

Por iso, e ante a solicitude da familia Franco para trasladalas fóra de Meirás, sinalou que se disporá de informes das principais institucións culturais do país e de especialistas na materia co fin de responder dunha maneira sólida e ben argumentada.

Ademais, sinalou que a Xunta enviou un requirimento aos Franco para que amplíen a documentación da súa petición, presentada de xeito incompleto. Mentres non se faga, dita solicitude non poderá ser tramitada. Do mesmo xeito, lembrou que estes bens non poden saír de Meirás mentres a Administración autonómica non se pronuncie.

Imaxes relacionadas