Fernández-Tapias e a alcaldesa de Salceda de Caselas acordan buscarlle encaixe urbanístico á ampliación do IES Pedras Rubias

A delegada territorial en Vigo mantivo hoxe un encontro con Dolores Castiñeira para explicarlle o proxecto no que a Xunta ten previsto investir 1,5 millóns de euros

A actuación permitirá ampliar a oferta educativa de bacharelato, con aulas suficientes, para incorporar 2 novas liñas ás 4 de ensinanza secundaria obrigatoria

En paralelo e como solución provisional, os 19 alumnos da ESO á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra, no que se adaptarán novas aulas

Vigo, 12 de maio de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión coa alcaldesa de Salceda, Dolores Castiñeira, para explicarlle o proxecto de ampliación do IES de Pedras Rubias no que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investirá 1,5 millóns de euros.

Na xuntanza, á que asistiron técnicos do departamento autonómico xunto ao xefe territorial da Consellería, César Pérez Ares, a representante autonómica trasladoulle a rexedora a necesidade de buscarlle, entre ambas as dúas administracións, encaixe urbanístico a proposta de mellora desta infraestrutura educativa.

Fernández-Tapias indicou que o concello de Salceda non ten PXOM aprobado e que a parcela na que está ubicado o centro é solo rústico de protección forestal, polo que se rexe por normas subsidiarias e pola Lei do Solo de Galicia.

A representante autonómica defendeu a importancia desta ampliación −cuxo proxecto xa foi encargado− para poder atender á demanda dunha poboación en idade de escolarización en continúo crecemento, nun centro que ata o de agora conta con catro liñas de ensinanza secundaria obrigatoria. A proposta recollida nos plans da Consellería é incorporar ao centro un mínimo de dúas novas liñas de bacharelato. En total serían catro aulas, dous espazos para desdobre e apoio e dous laboratorios.

Solución provisional

En paralelo e como solución provisional ata que o novo centro estea dispoñible, a delegada informou que os 19 alumnos de 4º da ESO do IES Pedras Rubias á espera dunha praza poderán matricularse no IES de Salvaterra de Miño, no que se adaptarán novas aulas. A Xunta garante así a continuidade dos estudos postobrigatorios ao alumando de Salceda de Caselas que así o decida.

Cómpre lembrar que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ampliou fai dous anos as instalacións do CEP Altamira de Salceda de Caselas cun investimento de preto de 500.000 euros, e que na actualidade está a executar a ampliación do IES de Salvaterra cun investimento de 587.000 euros. Segundo detallou Fernández-Tapias, esta última actuación permitirá ao alumnado do ciclo formativo de madeira, moble e cortiza realizar as clases prácticas nas instalacións do propio centro.

Imaxes relacionadas