Medio Ambiente facilita o asentamento de empresas no sur de Galicia ao informar da viabilidade ambiental dunha modificación urbanística no polígono Porto do Molle

No estudo realizado polo Goberno galego indícase que non se esperan efectos negativos e sinálase a necesidade de realizar un estudo paisaxístico, así como evitar alterar as condicións actuais dos espazos verdes no parque empresarial de Nigrán

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

A Xunta de Galicia acaba de informar a modificación puntual número 26 das normas subsidiarias do concello de Nigrán, relativa ao parque empresarial de Porto do Molle, grazas ao cal facilítase o asentamento de empresas nesta zona do sur de Galicia.

Desde a posta en funcionamento do polígono de Porto do Molle, no ano 2012, consolidouse unha edificación de case o 40% da superficie neta, polo que se considera unha actuación completamente executada e en fase de consolidación de empresas. Actualmente, existen 125 empresas instaladas no parque, xerando uns 2.800 postos de emprego estimados.

Con esta modificación do planeamento xeral municipal preténdese adaptar á lexislación vixente o contido relativo ao parque empresarial e facilitar a implantación de novas empresas, así como a consolidación das existentes, en particular na área de servizos múltiples, emprazada no sur do parque. Esta área ten unha superficie de 95.592 m2 e está practicamente vacante.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, emitiu o informe ambiental estratéxico (IAE) sobre a modificación puntual do planeamento urbanístico, no que conclúe que non se prevén efectos ambientais significativos, pero considera necesario favorecer a súa integración.

Nese sentido, indica a necesidade de incorporar un estudo da paisaxe proporcionado e específico ao lugar, establecendo unhas condicións axeitadas de integración das futuras edificacións e prestando especial atención ás que se proxecten nos bordos de contacto coas zonas verdes asociadas aos cursos fluviais.

Tamén se traslada a importancia de evitar alterar as condicións actuais dos espazos verdes do interior do parque, en particular os vinculados ao río Muíños, que deberán integrarse cos espazos libres xa previstos na zona fluvial.