Luis López destaca o apoio da Xunta á confraría de pescadores San Xulián da Illa de Arousa e pon en valor as melloras de modernización da lonxa

O delegado territorial visita as instalacións da entidade, unha das máis importantes de Galicia con máis de 900 socios, na compaña do patrón maior, Juan José Rial Millán, e do alcalde, Carlos Iglesias

O representante autonómico lembra que a Consellería do Mar investiu case 9 M€ na última década no sector do mar do municipio cunha trintena de accións no porto do Xufre, a acuicultura, a mellora de recursos mariños, as instalacións e as iniciativas de promoción

“Un concello cun milleiro de mariscadores e 400 armadores e que ademais acada un produto de máxima calidade, principalmente bivalvos e mexillón, precisa de todo o respaldo da Xunta por cuestións económicas e sociais”, detallou López

A Illa de Arousa, 12 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá a confraría de pescadores San Xulián e a zona portuaria da Illa de Arousa e destacou o respaldo do Goberno galego ao sector ao tempo que puxo en valor as melloras realizadas pola Consellería do Mar para avanzar na modernización da lonxa.

O representante autonómico foi recibido polo patrón maior, Juan José Rial Millán, que tamén é o presidente da Organización de Produtores de marisco e cultivos mariños da provincia de Pontevedra (OPP20), e interesouse pola situación do sector no municipio na compaña do alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias.

“Un concello cun milleiro de mariscadores e mariscadoras e con 400 armadores, que é o único de Galicia no que conviven e conflúen a confraría e a organización de produtores, que conta coas entidades mariñeiras máis populosas do país e que extrae un produto da máxima calidade, principalmente bivalvos e mexillón, precisa de todo o respaldo da Xunta por cuestións económicas, de emprego e sociais”, detallou Luis López, que garantiu que a colaboración coa confraría e a OPP20 emprendida desde hai máis de dez anos vai continuar nos vindeiros exercicios.

Así, o delegado territorial lembrou que a Consellería do Mar leva investidos case 9 millóns de euros ao longo da última década nunha trintena de accións para o sector mariñeiro, marisqueiro e pesqueiro da Illa de Arousa, como a modernización do porto do Xufre, as iniciativas de acuicultura, as achegas para transformación e comercialización e melloras nos buques, a ordenación e xestión dos recursos mariños ou as actividades de promoción e incluso turísticas, entre outras.

Neste senso, destacou as importantes actuacións no porto do Xufre, coa construción do dique flotante e a súa posterior ampliación e a dotación de dous pantaláns con capacidade para 130 embarcacións mexilloneiras e marisqueiras, e tamén o recente novo centro de estabulación de marisco na lonxa que, grazas a grandes depósitos e sistemas frigoríficos, permite conservar o produto en axeitadas condicións sanitarias e para o consumo durante varios días. Precisamente, para darlle continuidade a esta infraestrutura, Luis López explicou que a Xunta pretende acometer, nos dous próximos anos, novas melloras na lonxa consistentes na remodelación do tellado con paneis para favorecer o mantemento de temperaturas estables e na mellora das paredes para reforzar o sistema de cámara.

“O sector mariñeiro e marisqueiro da Illa de Arousa é unha referencia para Galicia e os seus produtos teñen merecida sona en toda Europa grazas á súa calidade e aos seus elevados volumes de produción, con máis de 1,6 millóns de quilos anuais, polo que a Xunta quere estar ao seu carón para escoitalos e atendelos”, concluíu o delegado.

Imaxes relacionadas