Miranda e Javier Arias reúnense cos bolseiros Beme da Secretaría Xeral da Emigración que cursan este ano un mestrado no Campus de Lugo

Os alumnos, estudantes universitarios galegos retornados, están a levar a cabo algún dos mestrados que oferta a USC neste campus da cidade da muralla

Con esta visita rematan os encontros cos bolseiros que cursan un mestrado nos campus das tres universidades galegas grazas á colaboración da Xunta

Como no resto de universidades, en Lugo tamén se analizaron cuestións como a súa relación con Galicia e o seu interese por continuar vivindo nela, a homologación dos títulos universitarios e a necesidade de axilizar os trámites de residencia dos seus familiares sen pasaporte español

Lugo, 12 de maio de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, un encontro cos bolseiros Beme que están a cursar un mestrado no campus da USC da cidade da muralla acompañado do delegado da Xunta nesta provincia, Javier Arias. Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte o campus de Lugo, que son galegos retornados do exterior, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Os responsables autonómicos coñeceron as historias persoais de cada un dos alumnos que asistiron á reunión. Moitos deles decidiron solicitar esta bolsa de estudos para retornar a Galicia onde naceron ou por ser terra dos seus pais ou avós, e moitos deles incluso trouxeron consigo as súas parellas e fillos.

Durante o encontro, os alumnos trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre como, en moitos casos, foi a propia pandemia a que fixo que tomaran a decisión de solicitar a bolsa xa que moitos consideraron que era un bo ano para estudiar dada a situación de paralización mundial que se estaba a vivir.

Outros dos temas que se trataron, como xa sucedeu no resto de campus, foi a necesidade de solicitar ao Estado que axilice a homologación dos seus estudos universitarios, que está a tardar unha media de dous anos, o que lles causa problemas á hora de poder buscar un emprego axeitado a súa formación para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma. Os problemas burocráticos coa tramitación da residencia dos seus familiares sen nacionalidade española ou o seu interese por emprender en Galicia foron outros dos asuntos que se analizaron neste encontro, co que se pon punto e final a rolda de reunións que o secretario xeral da Emigración levou a cabo cos bolseiros Beme do presente curso das tres universidades galegas.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

A convocatoria para as bolsas do próximo curso 2021/22 aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da Covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

Imaxes relacionadas