A cineasta arxentina Lucrecia Martel pecha mañá o ciclo de encontros ‘Do papel á pantalla’, organizado co apoio da Xunta

A Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Fundación SGAE promoven a iniciativa

Co subtítulo ‘Na mente da creación’, o programa abrangueu seis sesións en liña para afondar en distintos aspectos do proceso audiovisuais
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

A cineasta arxentina Lucrecia Martel pecha mañá o ciclo de encontros virtuais Do papel á pantalla, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Fundación SGAE, co apoio da Xunta. Finaliza así o programa de master classes iniciado o pasado marzo co subtítulo Na mente da creación, no que máis de 300 persoas inscritas afondaron en temas relacionados co proceso audiovisual da man de recoñecidos profesionais.

No derradeiro encontro, Lucrecia Martel, unha das máis influentes figuras do cinema mundial, compartirá algúns dos aspectos máis persoais relacionados coas súas obras, tanto dos filmes que fraguaron a súa brillante carreira como dos proxectos nos que traballa na actualidade. Na súa intervención −que terá lugar ás 19,00 h. a través dun webinario con inscrición previa a través de CREA− analizará aspectos como a utilidade do guión, a narrativa audiovisual ou se é posible a separación de espazo e tempo no cinema.

A súa primeira longametraxe, La ciénaga, sorprendeu a público e crítica, que rapidamente aclamou a súa proposta estética e temática. Cos seguintes filmes, La niña santa e La mujer sin cabeza, consolidou o seu afamado universo estético mediante a súa particular concepción do decorado e a súa maneira de deconstruír e reconstruír o espazo permanentemente. O seu último traballo, Zama, obtivo numerosos premios e foi seleccionado polo xornal The Guardian como unha das dez mellores películas do século.

Creación, distribución e aspectos legais

As anteriores sesións do ciclo Do papel á pantalla estiveron protagonizadas pola sevillana Celia Rico, quen abordou o proceso de creación da súa ópera prima como directora e guionista de Viaje al cuarto de una madre, e o director bilbaíno Pablo Berger, quen fixo un percorrido pola súa filmografía, na que destacan títulos como Abracadabra ou Blancanieves, galardoada con 10 premios Goya, entre eles o de mellor película.

Tamén participou a directora e guionista catalá Carla Simón, que compartiu os detalles da creación da súa primeira longametraxe, Estiu 1993. O universo da distribución foi abordado por unha das figuras máis recoñecidas na distribución das curtametraxes, Ismael Martín, quen realizou un repaso polas claves que cómpre ter en conta para distribuír un proxecto audiovisual. O ciclo incluíu tamén aspectos legais para profesionais da dirección e da realización da man de Enrich Advocats e María Mateo.

O apoio da Xunta a esta iniciativa insírese no marco da colaboración que se mantén ao longo do ano cos principais colectivos asociativos que traballan no eido das industrias culturais galegas.
 

Imaxes relacionadas