A Xunta e o Concello de Nogueira de Ramuín apostan pola recuperación de soutos para diversificar a actividade económica

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia tamén impulsará figuras de mobilización de terras que fomentarán actuacións de xestión conxunta

Tamén abordaron a actuación que se levará a cabo no lugar de Ramuín ao abeiro do Programa de Infraestruturas Rurais por un importe de case 50.000 euros
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Nogueira de Ramuín, José César Parente, para coñecer as principais necesidades e demandas deste municipio ourensán. Entre elas, destacou o compromiso de ambos dirixentes por recuperar e potenciar os soutos neste concello, co fin de salvagardar as variedades autóctonas e, á vez, diversificar a actividade económica na zona e anticiparse aos lumes. Na reunión tamén estiveron presentes a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez.

Neste senso, José González trasladou que o seu departamento está traballando, xunto coa Universidade de Vigo, na caracterización dos soutos tradicionais de Galicia, das plantacións de castiñeiros máis recentes e das mesturas de soutos de castiñeiros con outras frondosas. Neste senso, sinalou que este traballo de caracterización e investigación permitirá crear o inventario de soutos de Galicia co fin de poder, a continuación, elaborar con datos verídicos e contrastados o Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia, o cal inclúe actuacións na Ribeira Sacra e, polo tanto, no concello de Nogueira de Ramuín.

Estas actuacións, comentou o conselleiro, pasarán por unha caracterización das zonas produtivas, onde se analizará a súa viabilidade de xestión e as posibilidades de transformación e comercialización naqueles territorios nos que se atopan os soutos tradicionais de castaña, co fin de poder desenvolver unha actividade económica que permita que a xente que viva no rural poida tamén vivir do rural.

Ademais, José González tamén lle trasladou que a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -aprobada onte no Parlamento- tamén impulsará figuras de mobilización de terras que fomentarán actuacións de xestión conxunta, como pode ser a derivada dos soutos tradicionais. Nesta liña, o conselleiro salientou que o obxectivo último desta lei é precisamente velar por unha correcta xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos, a loita contra o seu abandono e o fomento da súa recuperación, co fin de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e de facilitar a terra a quen a desexe traballar.

Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron o proxecto que se levará a cabo ao abeiro do Programa de Infraestruturas Rurais 2021, consistente no arranxo e construcción de muros de contención de taludes no camino de “A casa”, no lugar de Ramuín, por un importe de case 50.000 euros. Neste senso, o conselleiro puxo en valor esta medida que, xunto co Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, permiten acondicionar as infraestruturas rurais e mellorar a calidade de vida da poboación.
 

Imaxes relacionadas