O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de tres novas zonas de concentración parcelaria nos concellos de Ordes, Friol e Castro de Rei

Vaise reorganizar unha superficie total dunhas 1.780 hectáreas que beneficiarán 891 propietarios

As parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade

A Xunta cumpre o compromiso adquirido de decretar novas concentracións parcelarias por cada proceso con títulos entregados
 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os tres decretos da Consellería do Medio Rural polo que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de San Xulián de Poulo, no concello coruñés de Ordes; de San Xoán de Seoane de Pregación, no concello lugués de Friol e de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei. Deste xeito, mediante a reestruturación global dunhas 1.780 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados 891 propietarios.

Así, trátase de tres novos decretos de concentración parcelaria que se declaran mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), a cal busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Neste senso, cabe sinalar que os tres procesos foron solicitados polos respectivos concellos, os tres eminentemente gandeiros, e, no caso dos dous da provincia de Lugo, tamén foron apoiados polos titulares das explotacións da zona. No caso da parroquia de Friol, hai un total de 12 explotacións, mentres que na de Castro de Rei son seis, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.

Lei de recuperación

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, aprobada onte mesmo no Parlamento, que vén complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga).

Así, na nova lei apostarase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, mellorarase a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

-Enlace á declaración de utilidade pública da concentración parcelaria de San Xulián de Poulo, no concello coruñés de Ordes:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210512/AnuncioG0426-040521-0010_gl.html


-Enlace á declaración de utilidade pública da concentración parcelaria de San Xoán de Seoane de Pregación, no concello lugués de Friol:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210512/AnuncioG0426-040521-0009_gl.html


-Enlace á declaración de utilidade pública da concentración parcelaria de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210512/AnuncioG0426-040521-0011_gl.html