O consello técnico de atención primaria aborda a carteira de servizos do persoal médico de familia e pediatras co obxectivo de seguir avanzando na reforma deste nivel asistencial

Na reunión, celebrada hoxe pola tarde, o Xerente do Sergas, José Flores, presentou aos profesionais á nova directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

O Edificio Administrativo do Sergas acolleu, hoxe pola tarde, a terceira reunión do Consello técnico de atención primaria neste ano 2021. Coa meirande parte dos membros do consello conectados por videoconferencia, para cumprir coas recomendacións de seguridade por mor da covid, debatéronse temas de gran importancia para a futura organización e transformación da atención primaria en Galicia. Nesta ocasión, tocoulle a quenda á exposición das conclusións da Comisión Sectorial para a potenciación de actividades de promoción e prevención, así como de intervención comunitaria e da Comisión Sectorial da Carteira de Servizos do persoal médico de familia e pediatras de Atención Primaria. Ademais deuse resposta, por parte das comisións correspondentes á carteira de servizos de enfermería e á dos fisioterapeutas, ás achegas a exposición das súas conclusións na anterior reunión.

A reunión, celebrada hoxe baixo un clima de colaboración e entendemento, estivo presidida polo xerente do Sergas, José Flores Arias, contando, así mesmo coa presenza da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez; do director xeral de asistencia sanitaria, Jorge Aboal Viñas; da vicexerente do mesmo organismo, Mercedes Castro Seijas; e da subdirectora de atención primaria, Sinda Blanco Lobeiras. O Consello segue a facer un gran traballo co obxectivo de rematar o traballo das 15 comisións constituídas no seo deste organismo.

No transcurso da xuntanza o xerente do Sergas presentoulles aos profesionais á nova directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo.

O Consello Técnico foi creado en xullo de 2019 en resposta a un dos acordos acadados entre a Consellería de Sanidade, os sindicatos e as organizacións profesionais. O órgano, previsto no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, ten como función a avaliación das necesidades de recursos humanos no primeiro nivel asistencial e a análise da súa capacidade resolutiva, das carteiras de servizos e das oportunidades de mellora na xestión de procesos asistenciais e nas relacións entre a atención primaria e hospitalaria.

Corresponde tamén ao Consello, o estudo e achega de propostas de reorganización da xestión dos centros, a elaboración de programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación ou o asesoramento ao Sergas nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria.
 

Imaxes relacionadas