O conselleiro de Educación recibe aos representantes dos centros implicados

O Goberno galego apoiará os equipos de baloncesto escolares de Santiago baixo a marca ‘Institutos de Compostela’

A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta polo impulso da práctica deportiva entre os escolares e vén dar cumprimento a unha reivindicación dos centros educativos e figuras do baloncesto compostelán

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

O Goberno galego prestará o seu apoio aos equipos de baloncesto escolares de Santiago de Compostela agrupados na Fundación Educación e Deporte de Santiago (Fedesa) baixo a nova marca Institutos de Compostela-Xunta de Galicia. Así o anunciou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha recepción a directores e alumnos dos centros educativos implicados, nomeadamente os institutos Arcebispo Xelmírez I, Plurilingüe Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Arcebispo Xelmírez II, Antonio Fraguas Fraguas, A Pontepedriña, As Fontiñas, e de Sar.

O titular do departamento educativo da Xunta quixo poñer en valor o traballo desenvolvido polo Clube Instituto Rosalía de Castro, creador de Fedesa, no fomento do deporte nos centros educativos de Santiago e comarca, tanto a nivel escolar como federado. Non en balde, na actualidade 500 alumnos participan nas súas actividades e conta con equipos federados en todas as categorías, dos que o conselleiro destacou o Ulla Oil Rosalía, equipo feminino na segunda división nacional, que leva o nome deste centro e a imaxe do baloncesto compostelán polas canchas de toda España.

Román Rodríguez fixo fincapé na importancia do acordo acadado con Fedesa para impulsar este deporte na cidade de Santiago e a súa contorna, ao tempo que promove hábitos saudables entre os escolares”, o que constitúe unha liña prioritaria do Goberno galego. “A creación da marca Institutos de Compostela-Xunta de Galicia –dixo– permitirá proxectar o encomiable labor que realizan os centros da capital galega á hora de fomentar a práctica deportiva e máis en concreto a práctica do baloncesto”, así como “os valores que achega á nosa mocidade como o compañeirismo, o traballo en equipo ou o esforzo”.

O representante autonómico sinalou, ademais, que a creación desta marca, que de maneira inmediata pasarán a empregar o primeiro equipo feminino do Rosalía e os equipos junior, é unha vella reivindicación dalgúns dos nomes máis destacados do baloncesto compostelán, como o exxogador do Obradorio Tonecho Lorenzo. Neste sentido, destacou que esta iniciativa “permite facer realidade o que poderíamos chamar como un vello soño dalgunhas das caras visibles do baloncesto compostelán e do conxunto de centros implicados na práctica deste deporte”.
 

Imaxes relacionadas