O comercio vigués se suma ao sector da hostalería e sinaliza o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola cidade

A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, e o presidente de Vigo Comercio, Roberto Giráldez, presentaron hoxe a iniciativa para instalar a sinalética oficial nos establecementos vigueses ao longo do Camiño Portugués da Costa

Os locais que o desexen poderán guiar aos peregrinos a través de vinilos coa cuncha do peregrino e coa frecha do Camiño facilitados pola Xunta

A representante autonómica agradeceu ao sector a súa implicación neste Xacobeo 21-22, e lamentou que Caballero “prive a nosa veciñanza e negocios dos beneficios económicos que supón contar cunha ruta oficial”

Vigo, 11 de maio de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente de Vigo Comercio, Roberto Giráldez, presentaron hoxe o acordo a través do que o comercio da cidade se suma ao sector da hostaleira para poder instalar a sinalización homologada do Camiño nos establecementos que se sitúen na ruta do Camiño Portugués da Costa.

Durante unha visita a varios dos locais que xa exhiben os vinilos cedidos pola Xunta para guiar aos peregrinos no seu percorrido cara Compostela, un deles coa cunha que representa precisamente aos camiñantes e outro coa frecha que indica que se trata dun itinerario oficial, a representante autonómica agradeceu a colaboración do sector nesta iniciativa. Neste caso, o trazado do Camiño Portugués da Costa foi recoñecido de forma oficial no ano 2016 e foi un dos que máis medrou en afluencia nos últimos anos.

Tal e como indicou, ante a negativa de Abel Caballero a instalar a sinalización homologada da ruta no tramo que pasa por Vigo, “tíñamos que dar un paso ao fronte”. Neste sentido e tras destacar o éxito da iniciativa entre os comerciantes e os locais de hostalería, con máis de 140 adheridos ata o momento, Fernández-Tapias sinalou que o Camiño “supón unha importante fonte de ingresos para estes sectores” e animou á cidade a “aproveitar a oportunidade que nos brinda o Xacobeo 21-22”.

De feito, volveu a insistir en que “é un despropósito que Vigo sexa a única cidade de Europa que non ten instalada as sinais oficiais, e que o Camiño e o Xacobeo sexan outro motivo de confrontación para o alcalde. Na súa opinión, “non é lóxico que Caballero prive aos peregrinos de contar coa información que precisan e a nosa veciñanza e negocios de sectores como a hostalería ou o comercio dos incentivos económicos que supón para a cidade contar cun tramo dunha ruta xacobea oficial”, incidiu.

Fernández-Tapias, para quen Caballero volver a quedar en evidencia ao asumir estes sectores como propia a responsabilidade de sinalizar o Camiño de Santiago ao seu paso polo termo municipal de Vigo, advertiu que xa non é a Xunta, senón a cidade a que lle está a reclamar que “o Camiño é un símbolo e un beneficio para todos”.

Imaxes relacionadas