O Sergas publica a relación provisional de admitidos e excluídos das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Xeráronse un total de 8.407 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración

A categoría con maior número de solicitudes é a de pinche, con 3.480 inscricións

Resultan excluídas do proceso o 2,37% das solicitudes de participación

O 13,42% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso
 

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos e os resultados provisionais de baremación, no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario: albanel, calefactor, carpinteiro, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, perruqueiro, pinche e telefonista.

Xeráronse un total de 8.407 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración. A categoría con maior número de solicitudes é a de pinche, con 3.480 inscricións. Resultan excluídas do proceso o 2,37% das solicitudes de participación. O 13,42% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.

As listas provisionais de admitidos e excluídos coa asignación da puntuación provisional e número de orde acadado polos admitidos, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, os aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) a súa posición relativa e o número de orde nas listas xeradas; así como de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún dos méritos presentados, dotando de total transparencia ao proceso de selección.

Na mesma resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para que as persoas interesadas poidan formular as alegacións que estimen oportunas con relación á súa inadmisión e aos resultados obtidos na baremación provisional. A estimación ou desestimación, logo da súa análise e valoración, incluirase na resolución pola que se publiquen as listas definitivas, que determinará a data de entrada en vigor de tales listas.

Disporán do mesmo prazo as persoas que, tendo presentado debidamente a solicitude, non consten como admitidas nin excluídas.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas provisionais das seguintes categorías: enxeñeiro técnico, grupo de xestión da función administrativa, grupo técnico da función administrativa, técnico de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico superior de prevención de riscos laborais, técnico superior de sistemas e tecnoloxías da información e as clases de persoal sanitario funcionario da Lei 17: ATS/DUE, farmacéutico inspector de saúde pública, inspector farmacéutico, inspector médico, licenciado sanitario e subinspector sanitario.