Miranda e López Diéguez reúnense cos bolseiros Beme da Secretaría Xeral da Emigración que cursan este ano un mestrado no campus de Pontevedra

Os alumnos, estudantes universitarios galegos retornados, están a levar a cabo algún dos mestrados que oferta a UVIGO neste campus da cidade do Lérez

Entre os temas que analizaron durante a reunión estiveron as problemáticas que viviron durante este ano cos peches sufridos pola pandemia, a súa preocupación pola homologación dos títulos universitarios dos seus países de orixe e o seu desexo de continuar en Galicia cando rematen os seus estudos

Pontevedra, 11 de maio de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, un encontro cos bolseiros Beme que están a cursar un mestrado no campus da cidade do Lérez acompañado do delegado da Xunta nesta área territorial, Luis López Diéguez. Á reunión asistiron alumnos dos mestrados que imparte o campus de Pontevedra, que son galegos retornados do exterior, e que obtiveron en 2020 unha destas axudas de excelencia que outorga a Secretaría Xeral da Emigración para poder ampliar estudos superiores.

Os responsables autonómicos coñeceron as historias persoais de cada un dos alumnos que asistiron á reunión. Moitos deles decidiron solicitar esta bolsa de estudos para retornar a Galicia onde naceron ou por ser terra dos seus pais ou avós, e incluso trouxeron consigo as súas parellas e fillos.

Durante o encontro, os alumnos trasladáronlle ao secretario xeral as súas impresións sobre a situación da pandemia vivida estes meses e como afectou isto a súa experiencia formativa, e tamén trasladáronlle a súa preocupación polo retraso en conseguir a homologación dos seus estudos universitarios, xa que o Estado está tardando unha media de dous anos en facelas efectivas, o que lles causa problemas á hora de poder buscar un emprego axeitado a súa formación para poder quedarse a vivir na nosa comunidade autónoma.

Tamén se falou durante a reunión da complexidade da tramitación da residencia das familias dos galegos retornados que non contan con nacionalidade española.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC, xa que algúns dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

A convocatoria para as bolsas do próximo curso 2021/22 aumentan das 150 de 2020 ata as 200 para este ano de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da Covid-19.

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciado, enxeñeiro ou arquitecto, que poderán cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da Covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno).

Imaxes relacionadas