Valeriano Martínez reclama ao Goberno central que cumpra xa a sentenza do IVE transfira estes recursos ás comunidades
A sentenza do Tribunal Supremo coñecida onte da a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017
O Executivo galego reclamaba 204 millóns de euros
O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no programa ‘Bos Días’ da TVG onde lamentou que as comunidades só poidan conseguir unha cogobernanza real co Estado pola vía xudicial
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez reclamou hoxe ao Goberno central que poña os medios necesarios para cumprir xa coa sentenza do Tribunal Supremo polo IVE de 2017 e transfira o antes posible eses recursos ás comunidades autónomas.
A sentenza do Tribunal Supremo coñecida onte da a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017 e recoñece o dereito a que a Comunidade sexa compensada por esa mensualidade que non ingresou o Executivo central e a pagarlle os xuros de demora. A Xunta reclamáballe 204 millóns de euros por ese concepto.
Valeriano Martínez, que participou esta mañá no programa ‘Bos Días’ da TVG, explicou que as galegas e os galegos gañan porque recuperan uns cartos que aboaron todos os cidadáns, e que polo tanto son seus.
Ademais, durante a súa intervención, o conselleiro subliñou que a Xunta actuou sempre coa máxima lealdade institucional e lamentou que as comunidades autónomas só poidan conseguir unha cogobernanza real co Estado pola vía xudicial, e que, en definitiva, teñan que acudir aos tribunais para obter uns recursos que son de todos os cidadáns.
Débeda con Galicia
O conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse tamén a outra débeda que ten neste momento o Goberno central con Galicia en relación ao reparto dos recursos procedentes de Europa para loitar contra a pandemia.
Neste sentido, denunciou que a Comunidade galega sae sempre prexudicada en todos os repartos de que carácter territorial que fai o Executivo central e que Galicia tería que recibir como mínimo 660 millóns de euros máis dos que leva percibidos. Ademais criticou que os repartos fanse sempre a feitos consumados e con criterios diferentes e cambiantes.