A Xunta fomenta a corresponsabilidade coas axudas por redución de xornada para o coidado de menores de tres anos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza coa asociación Familias Galegas Monomarentais (Fagamos) na que lle informou sobre a próxima convocatoria destes apoios

Estas axudas impulsan a conciliación da vida familiar e laboral ao permitir a redución de xornada para coidar aos seus fillos e fillas menores de 3 anos

Un total de 235 pais e nais (177 homes e 58 mulleres) resultaron beneficiarios desta iniciativa ao longo de 2020

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe coa asociación Familias Galegas Monomarentais (Fagamos) para informarlles sobre a próxima convocatoria das axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución de xornada de traballo co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade nas tarefas do ámbito doméstico. Fagamos é unha entidade sen ánimo de lucro que dá apoio ás persoas galegas que están criando sen compartir a responsabilidade con outro/a proxenitor/a.

Estes apoios, dos que se beneficiaron o pasado ano 235 persoas (177 homes e 58 mulleres) van dirixidos ao coidado de fillas e fillos menores de tres anos. Nos últimos doce anos, entre 2009 e 2020, os beneficiarios desta iniciativa foron 2.859 persoas (2.143 homes e 716 mulleres).

O obxectivo desta orde de axuda é levar a cabo un reparto equilibrado no tempo do coidado dos fillos e fillas e da responsabilidade de conciliar que ata agora, na maioría dos casos, seguen a recaer nas mulleres.

O impulso das medidas de conciliación para fomentar a corresponsabilidade por parte dos homes é unha das prioridades da Xunta e tamén se reflicte nas medidas recollidas no Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021.

Imaxes relacionadas