O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na Comisión Especial do Reto Demográfico

A Xunta traslada ao Goberno de Asturias as medidas impulsadas en Galicia en materia de reto demográfico

Destaca que Galicia e Asturias comparten a evolución dos datos en natalidade, fecundidade e envellecemento, así como a dispersión do territorio

Puxo en valor a gratuidade das escolas infantís, a Tarxeta Benvida, as casas niño, o programa impostos cero e a aprobación da Lei de Impulso Demográfico

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, trasladou esta tarde ao Goberno de Asturias as medidas impulsadas na nosa Comunidade para facer fronte ao reto demográfico. Foi durante unha Comisión Especial do Reto Demográfico na que os responsables dos executivos autonómicos tiveron oportunidade de compartir experiencias que axuden a trazar unha estratexia común.

Jacobo Rey sinalou durante a súa intervención que Galicia e Asturias, ademais de compartir a evolución dos datos en natalidade, fecundidade e envellecemento rexistrados nos últimos anos, tamén teñen en común a dispersión do seu territorio. Unha característica que as diferencia da maioría de España e que repercute directamente na súa poboación e nas necesidades da mesma.

Neste sentido, enumerou unha serie de medidas impulsadas polo Goberno galego que pretenden atender a estas particularidades e que teñen como obxectivo lograr unha maior conciliación, promover a natalidade e impulsar o retorno dos galegos no exterior, entre outras cuestións.

O director xeral puxo en valor a gratuidade para segundos fillos e sucesivos, posta en marcha o pasado ano e que se aplica en máis de 500 escolas infantís de Galicia, independentemente da súa titularidade; a Tarxeta Benvida, para axudar na adquisición de produtos infantís; as casas niño, para garantir a conciliación no rural; o programa impostos cero no rural, con máis de 60.000 beneficiarios desde o ano 2016; ou a aprobación da primeira Lei de Impulso Demográfico aprobada en España.