A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou esta mañá a orde pola que se concede a aprobación definitiva

A Xunta aproba o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello pontevedrés de Portas

Ángeles Vázquez destaca que se converte no municipio galego número 111 que dispón desta ferramenta urbanística coa que apostar por un desenvolvemento responsable, sostible e equilibrado

Afirma que hoxe se recollen os froitos dun traballo iniciado hai 12 anos, unha mostra do esforzo e implicación de moitas persoas

O PXOM estudou polo miúdo os case 23 km2 que abrangue o concello, que ten case un 4% de solo rústico

Portas (Pontevedra), 10 de maio de 2021

A Xunta de Galicia aprobou hoxe o primeiro Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Portas, que converte a este municipio pontevedrés no número 111 en Galicia en dispor dun PXOM adaptado e acorde á normativa urbanística vixente.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá na Casa do Concello a orde pola que se constata a aprobación definitiva deste instrumento de ordenación.

Grazas a esta ferramenta permitirase a concreción urbanística deste municipio e das súas previsións, ao tempo que é unha garantía para o desenvolvemento responsable, sostible e equilibrado do concello durante as próximas dúas décadas, ata o 2041.

Segundo manifestou a conselleira, “hoxe recóllense os froitos dunha tramitación que comezou hai xa 12 anos”, ao tempo que se acada un Plan xeral que é “o resultado do traballo, do esforzo e da implicación de moitas persoas”. Ademais, engadiu que é a folla de ruta do futuro de Portas e beneficia a máis de 3.000 habitantes distribuídos nas catro parroquias existentes: Briallos, Portas, Lantaño e Romai.

Nesta liña, Vázquez Mejuto recordou que redactar este PXOM supuxo estudar en detalle os case 23 quilómetros cadrados da superficie do termo municipal, polo que se pode afirmar que preto dun 84% do territorio de Portas é solo rústico, seguido xa a moita distancia polo solo de núcleo rural (un 15%).

Indicou que un PXOM ordena, como é no caso do núcleo da Estación grazas ao desenvolvemento deste solo urbano; e tamén fixa os posibles e futuros novos desenvolvementos, como o ámbito que acollerá un novo solo industrial para fortalecer este núcleo reitor do concello, marcado pola súa boa accesibilidade.

En termos socioeconómicos, este Plan xeral tradúcese na creación de solo terciario e industrial, para dar un pulo ás actividades industriais e de servizos en Portas e co que permitir a implantación de accións innovadoras no solo urbano, a diversificación produtiva do medio rural e a potenciación dos valores ambientais e paisaxísticos do termo municipal.

Outras superficies que recolle o plan xeral e que destacan son os máis de 45.000 m2 para espazos libres e zonas verdes e os máis de 100.000 m2 para equipamentos comunitarios.

Por último, a conselleira sinalou que ao longo desta ducia de anos nos que Portas traballou no seu PXOM, Galicia mudou e avanzou, sobre todo, na súa situación urbanística como comunidade e no seu marco normativo.

Dos 111 concellos de Galicia que na actualidade xa contan cun plan xeral adaptado e acorde á normativa urbanística vixente, cabe salientar que 81 foron aprobados polo actual Goberno galego.

Imaxes relacionadas