A Xunta destaca a calidade dos produtos agroalimentarios galegos con clases maxistrais e charlas divulgativas ao abeiro dunha iniciativa educativa entre a nosa comunidade e Euskadi

A acción da Agacal enmárcase nun proxecto colaborativo entre o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e a Escola de Hostalaría e Turismo Gamarra de Vitoria, que levan anos facendo intercambios e compartindo prácticas pedagóxicas

As clases e charlas arrancaron a semana pasada no centro pontevedrés e culminarán o vindeiro venres 28 de maio

Impartidas por técnicos ou prescritores dos produtos galegos con DOP ou IXP, así como por chefs de prestixio, céntranse en poñer en valor as producións galegas con calidade diferenciada e as súas posibilidades culinarias

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou a desenvolver un programa de clases maxistrais e charlas divulgativas para poñer en valor os produtos agroalimentarios galegos con selo de calidade. Impartidas no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza de Pontevedra, as accións enmárcanse no proxecto “Cultura gastronómica e produtos tradicionais de Euskadi e Galicia”, unha iniciativa colaborativa entre este centro pontevedrés e a Escola de Hostalaría e Turismo Gamarra de Vitoria, que levan anos facendo intercambios e compartindo prácticas pedagóxicas.

Grazas á iniciativa, os 18 alumnos do Ciclo medio de cociña e gastronomía do CIFP Carlos Oroza están a traballar conxuntamente cos estudantes do mesmo curso do centro de Vitoria. Divididos en catro equipos en Pontevedra e en seis en Gasteiz, encárganse por parellas da elaboración dun menú tradicional galego e doutro vasco onde os ingredientes principais son produtos con marca ou distintivo de calidade de cada comunidade. Nesa liña, mesmo están a intentar recuperar receitas familiares adaptándoas para que teñan cabida nelas as producións galegas e vascas de calidade diferenciada.

Ao abeiro deste proxecto, a Agacal non só facilita produtos e material promocional tanto á escola vasca coma á galega, senón que comezou a desenvolver esta semana no centro de Pontevedra un programa de actividades formativas. En concreto, trátase de sete accións impartidas por técnicos ou prescritores dos produtos galegos con denominación de orixe protexida (DOP) ou indicación xeográfica protexida (IXP), axudados en ocasións por chefs de prestixio. Nelas descríbense e explícanse as características destas figuras de calidade e dos produtos amparados por elas resaltando o valor diferencial da súa calidade e amosándolle ao alumnado as súas características organolépticas especiais, así como as súas posibilidades culinarias.

Programa divulgativo

As accións comezaron o pasado mércores 5 de maio cunha clase maxistral sobre a IXP Ternera Gallega centrada nos aspectos tecnolóxicos e culinarios da carne de vacún de calidade na que participaron o director de promoción da indicación xeográfica protexida, Luis Vázquez, e o chef Javier Rodríguez Ponte (Taky). O venres 7, mentres, levouse a cabo unha cata comentada dos queixos galegos con DOP na que Salomé Beiroa, membro do panel de cata dos queixos galegos da Xunta, deu a coñecer os premiados coa distinción de ouro na Cata dos Queixos de Galicia 2020.

Esta semana, concretamente este mércores, terá lugar unha clase maxistral de cociña cos produtos con IXP Grelos de Galicia, Lacón de Galicia e Faba de Lourenzá, impartida polo chef José Manuel Mallón. O xoves, pola súa parte, haberá unha charla sobre as características e usos culinarios do produto amparado pola IXP Pataca de Galicia, con José Antonio Chao Fernández, técnico deste selo de calidade.

Para concluír o programa, o xoves 20 de maio organizarase unha cata comentada dos meles da IXP Mel de Galicia con Beatriz Ríos, técnica desta indicación xeográfica protexida. Posteriormente, o mércores 26 terá lugar unha cata comentada das augardentes e licores tradicionais de Galicia con Sonia Otero, membro do consello regulador da indicación xeográfica. Por último, o venres 28 clausurarase o programa cunha clase maxistral de cociña na que os protagonistas serán os produtos da IXP Tarta de Santiago e da DOP Pemento de Herbón, a cargo do chef José Manuel Mallón.

Para rematar, cómpre sinalar que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria márcase como obxectivo programar no curso vindeiro máis iniciativas deste tipo para que teñan acceso a elas unha maior cantidade de centros educativos e os estudantes galegos poidan coñecer as especiais características dos produtos da nosa comunidade con calidade diferenciada.

Imaxes relacionadas