A Xunta comeza mañá a fase de recollida de mostras das catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia 2021

O persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria prevé recoller preto de 450 mostras de viños dunhas 180 adegas e outra trintena procedentes da indicación xeográfica de augardentes e licores tradicionais

A recollida prolongarase ata o vindeiro 24 de maio e as catas a cegas oficiais desenvolveranse entre os días 7 e 11 de xuño, a cargo de dous paneis compostos por unha vintena de expertos

Coas Catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar a excelente calidade dos nosos viños e augardentes, incidindo na súa peculiaridade e personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2021

As Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2021 arrancan mañá coa fase de recollida de mostras, que se desenvolverá ata o vindeiro luns 24 de maio. Nesta ocasión, o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, prevé recoller unhas 450 mostras de viños procedentes dunhas 180 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicación xeográficas protexidas vitivinícolas, así como outra trintena provenientes da indicación xeográfica de augardentes e licores tradicionais.

Así, nas próximas dúas semanas comprobarase que as 450 mostras de viño inscritas cumpren cos requisitos establecidos nas bases para poder participar nas Catas. Neste caso, son case 300 as mostras de branco recompiladas e preto de 150 as de tinto. Con respecto ás augardentes e licores tradicionais, hai un total de 32 mostras inscritas repartidas da seguinte forma: 10 de augardente de Galicia, nove de licor de herbas, 10 de licor café, unha de augardente envellecida e dúas de augardente de herbas.

Cómpre sinalar que a recollida de mostras lévaa a cabo persoal da Agacal en colaboración cos consellos reguladores de viños e augardentes de Galicia, con tódalas garantías de seriedade e rigor e asegurando en todo momento o anonimato das marcas participantes. De feito, unha particularidade deste concurso é que non son as adegas as que envían á organización as mostras de viños, como é habitual noutras celebracións nacionais e internacionais, senón que a identificación e recollida de botellas efectúaa o propio persoal da Consellería co apoio dos responsables de cada selo de calidade.

Así, no caso do viño, profesionais da Consellería do Medio Rural son os que se trasladan a cada unha das adegas para a recollida de seis botellas dunha partida homoxénea, colocándolles a cada unha delas unha etiqueta que será asinada por unha persoa da organización e outra da adega. Todas as botellas se envolven en material opaco e introdúcense posteriormente nunha caixa selada. No seu exterior só queda exposto o nome da categoría na que participa e o tipo de viño —tinto ou branco—. Posteriormente, as caixas transpórtanse ao lugar determinado para as fases de cata, onde permanecerán custodiadas ata o momento da súa celebración. Cabe engadir que o acto de apertura das caixas se realizará en presenza do secretario do concurso e dun membro do xurado, asegurando que non se produce ningún tipo de irregularidade. Deste xeito, o anonimato queda asegurado en todo momento.

No que respecta ás augardentes e licores tradicionais, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas, garántese a rigorosidade e evítanse posibles anomalías recollendo as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro. Deste xeito, resulta imposible recoñecelos e identificalos, asegurando o anonimato.

Fases de precata e cata final
Para poder seleccionar os mellores viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia deste 2021, o certame pasará por una fase de precata ou selección previa e por unha cata final que, no caso dos viños, terá lugar entre os días 7 e 11 de xuño. Para as augardentes e licores tradicionais, esta fase de cata celebrarase o día 11 de xuño.

Catadores de ámbito galego pertencentes aos paneis de cata destes consellos reguladores, así como enólogos e sumilleres, serán os encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras. Os paneis de cata estarán formados por un mínimo de 12 profesionais no que respecta aos viños, e por sete no caso das augardentes e licores. En todo momento, garántense o rigoroso mantemento das condicións hixiénico-sanitarias precisas derivadas da pandemia da covid-19, preservando a máxima seguridade do persoal que intervén no transcurso desta cata-concurso.

Cabe sinalar que, con estas Catas, a Consellería de Medio Rural quere recalcar a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas