Un total de 984 traballadores fixos descontinuos do operativo de prevención e defensa contra os incendios forestais de medio rural incorporaranse mañá ao servizo activo

Esta incorporación do persoal de seis meses faise efectiva todos os anos antes da chegada do verán, de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas

O reforzo con estes profesionais suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo aprobado pola Xunta

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2021

Un total de 984 traballadores fixos descontinuos de seis meses do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta incorporaranse mañá luns ao servizo activo, cumprindo así as previsións da Consellería do Medio Rural para reforzar estes labores antes da chegada do verán.

Esta incorporación faise efectiva de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas presentes e previstas. Estes empregados permanecerán en activo ata o vindeiro 9 de novembro.

Así, o persoal que se incorpora forma parte do colectivo de bombeiros forestais, nas categorías de xefe de brigada, bombeiro forestal, bombeiro forestal condutor, oficial de defensa contra incendios, condutor de motobomba, ademais de emisoristas e vixilantes fixos e bombeiros forestais de brigadas helitransportadas. Deste xeito, refórzanse os medios, tanto humanos como materiais, para o correcto funcionamento do servizo de loita contra os incendios forestais.

Ademais, a incorporación deste persoal fixo descontinuo de seis meses suporá un importante pulo para a execución, antes do comezo do período de alto risco, dos traballos recollidos no Plan preventivo aprobado pola Xunta. Este plan suporá o investimento de case 30 millóns de euros, para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación, entre outras accións.