Presentados a unha nova liña de axudas da Xunta 48 proxectos colaborativos de I+D+i e vinculados aos hubs de innovación dixital

A convocatoria Conecta Hubs conta cun orzamento de 6,8M€ para favorecer proxectos colaborativos de I+D+i nas áreas de especialización de Dihgigal e Datalife

Os requisitos solicitados aos proxectos, que deben estar orientados a resultados, son que impliquen a cooperación de diferentes pemes, estean aliñados coas áreas de traballo dos Hubs galegos de innovación dixital e sexan, ademais, coherentes cos obxectivos específicos do programa Europa Dixital

Nas 48 iniciativas presentadas están implicadas 168 empresas galegas -das cales 150 son pemes e 18 tractoras- pertencentes ás cadeas de valor aglutinadas nos dous Hubs e que representan á practica totalidade do tecido produtivo de Galicia

Con estas axudas, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación quere fortalecer a base económica da rexión e impulsar unha Industria 4.0 máis dixitalizada, innovadora, sustentable e competente
 

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), recibiu, no marco da nova liña de axudas Conecta Hubs, un total de 48 solicitudes para financiar proxectos aliñados cos obxectivos dos Hubs de innovación dixital declarados estratéxicos para Galicia, Dihgigal e Datalife, e enfocados a mellorar os procesos de dixitalización das pemes galegas, así como a creación de produtos e servizos tecnoloxicamente avanzados.

A convocatoria, que conta cun orzamento de 6,8M€ e foi pechada o pasado 22 de abril, busca financiar proxectos colaborativos nos que participen unha agrupación de entre dúas e seis empresas galegas e orientados a resultados. Outro requisito exixido é que os proxectos estean aliñados coas áreas de traballo dos Hubs galegos de innovación dixital: Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), e Datalife, liderado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), co fin de que lles permita avanzar na súa especialización e consolidación dentro do marco da Estratexia RIS3 de Galicia. As iniciativas subvencionadas deben ser, ademais, coherentes cos obxectivos específicos do programa Europa Dixital.

Nos 48 proxectos de innovación dixital que aspiran á subvención da Xunta de Galicia están implicadas 168 empresas galegas, das cales 150 son pemes e 18 son grandes firmas que actúan como tractoras. Todas elas pertencen ás cadeas de valor aglutinadas nos dous Hubs e que representan á practica totalidade do tecido produtivo da rexión: alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira, saúde, mar-industria, naval, automoción, TIC, téxtil, pedra e aeronáutica.

Conecta Hubs conta con dúas liñas de axudas. Por unha parte, están as dirixidas a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación en proceso ou organización. Esta liña, na que se rexistraron 41 dos 48 proxectos totais e que inclúen as 18 propostas que contan cunha gran empresa tractora, contempla axudas de ata 1M€ destinadas a subvencionar unha porcentaxe do investimento total subvencionable de entre o 15% e o 80% en función do tamaño da empresa e do fin do proxecto.

A segunda liña de axudas, dirixida a proxectos de innovación en produto, e exclusiva para pemes. Os 7 proxectos rexistrados neste procedemento poderán dispoñer de apoios de ata o 80% do investimento total subvencionable e recibir unha axuda máxima de 400.000 euros con pagos anticipados de ata o 75%.

Con estas axudas a Xunta de Galicia quere fortalecer a base económica de Galicia e impulsar unha Industria 4.0 máis dixitalizada, innovadora, sustentable e competente. O obxectivo da Axencia Galega de Innovación (Gain) é converter a Galicia nunha biorrexión de referencia en Europa no ámbito da innovación dixital.

Á espera da resolución, a Xunta de Galicia estima que con esta convocatoria ofrecerá financiamento a unha decena de 10 proxectos que poderán mobilizar preto de 18 millóns de euros.