Máis de 64.000 galegos e galegas xa descargaron o bono activa comercio da Xunta, que conta con 4100 establecementos adheridos en toda Galicia

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, percorreu esta mañá varias das tendas de Lugo que participan neste programa

Destacou a boa acollida que a nivel autonómico está tendo a iniciativa, que busca mobilizar 55 millóns de euros e contribuír así á dinamización das vendas e á reactivación deste sector

Na provincia xa se sumaron preto de 700 establecementos e máis de 8000 clientes a esta campaña, mentres que a cidade lucense conta con ao redor de 200 negocios e máis de 3000 usuarios
 

Lugo, 8 de maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá, na cidade lucense, varios dos establecementos adheridos á iniciativa do Bono Activa Comercio -Calzados Cortés, Óptica Reina, Nikkis e Xoiería Calvo-, onde informou de que máis de 64.000 galegos e galegas xa descargaron o Bono Activa Comercio da Xunta, superándose ademais os 4100 establecementos adheridos na Comunidade.

Polo que respecta a Lugo, na provincia xa se sumaron a esta campaña preto de 700 establecementos e máis de 8000 clientes; dos cales pertencen á cidade ao redor de 200 negocios e máis de 3000 usuarios.

O vicepresidente económico destacou que a acollida desta campaña está sendo moi boa, un síntoma de que os galegos e galegas elixen o comercio de proximidade cando buscan confianza, calidade e un trato personalizado. Tamén puxo en valor o esforzo que o sector está realizando por adaptarse a este novo escenario e seguir sendo unha referencia.

O Bono Activa Comercio, deseñado en colaboración coa Federación Galega de Comercio, conta cun orzamento de 10M€ que se reparten en bonos de desconto de 30 euros, dos que se poderán beneficiar ao redor de 330.000 clientes. Preténdese mobilizar 55M€ para dinamizar as vendas nos establecementos de proximidade de toda Galicia e contribuír, deste xeito, á súa reactivación.

Este bono funciona a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou superiores a 50 euros. Tanto os establecementos que queiran adherirse –para os que se ten aprobado ampliar o prazo ata o 31 de maio– como os clientes, poden facelo na web bonosactivacomercio.gal.

A iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que conta con axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

Nova orde de axudas para a dixitalización

Neste sentido, xa se poden solicitar os apoios para a implantación e impulso da dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 4 de xuño.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, conta este ano cun orzamento de 5M€ e diríxese ao comercio polo miúdo e aos obradoiros artesanais. As axudas cobren ata o 80% e existe a posibilidade de acceder a anticipos de ata o 50% do importe da axuda.

Por unha parte, contempla unha liña de dixitalización comercial que inclúe axudas para impulsar a transformación dixital –con apoios para páxinas web con venda en liña ou melloras e actualizacións–; optimizar e axilizar os procesos comerciais –con sistemas integrados para a planificación e xestión de recursos empresariais comerciais ou tablets asociadas coa actuación de ferramentas de xestión–; realizar actuacións de comunicación, publicidade e márketing en internet; actuacións de comercialización dixital como a participación en eventos efémeros ou feiras dixitais; e tamén para apoiar a loxística
e-commerce ou e-commerce sostible.

Por outra parte, apoiaranse actuacións de adquisición de equipamentos propias da actividade comercial e artesanal con axudas de ata 8000 euros.

Todas estas medidas súmanse a outras actuacións que tamén están en marcha, como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, que cun investimento de 3M€ apoiará tanto a mellora como a renovación de sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética de 1000 pequenas e medianas empresas e establecementos comerciais en Galicia.

 

Imaxes relacionadas