A Voluntaria Guadalupe Ordóñez Torres, do programa de voluntariado dixital de Galicia, recibe o premio “voluntariado contra a fenda dixital” de Fundación Esplai

A entrega de premios realizouse na celebración online do Foro21 Xuventude Comprometida coas Persoas Maiores por parte de Fundación Esplai

Dende o Programa de VolDIX impúlsase o achegamento da tecnoloxía aos grupos máis vulnerables, e dende a iniciativa do concello de Mos colabórase, entre outros moitos ámbitos, para que as persoas maiores melloren a súa calidade de vida mediante o empoderamento en competencias dixitais.

Santiago de Compostela, 08 de maio de 2021

Galicia estivo presente na XII Edición dos Premios Fundación Esplai á Cidadanía Comprometida, xa que unha das voluntarias máis activas do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, Guadalupe Ordóñez Torres, foi galardonada na categoría de "voluntariado contra a fenda dixital".

A entrega de premios foi a través dun acto virtual e tivo lugar no marco da celebración do Foro21, que é o principal acto organizado pola Fundación Esplai e que este ano leva por título "Xuventude comprometida coa terceira idade".

O obxectivo destes premios é resaltar o traballo humano, social ou cultural que desenvolven as persoas para mellorar a sociedade e as condicións de vida doutros cidadáns, respondendo aos valores promovidos pola Fundación Esplai.

O recoñecemento outorgado a Guadalupe Ordóñez Torres derívase da importante labor realizada no marco do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia, concretamente no concello de Mos, onde ten unha larga traxectoria realizando diversas accións, principalmente formativas, ao longo das 12 parroquias que integran o municipio.

Entre todas as iniciativas levadas a cabo nestes últimos anos por esta voluntaria, destaca no seu voluntariado con persoas maiores, pola súa capacidade para atraer ás persoas maiores para que aprendan competencias dixitais e deste xeito melloren a súa calidade de vida. Destaca tamén o seu traballo con persoas desempregadas a través de talleres para a mellora da súa empregabilidade, da formación e a preparación de certificacións de competencias dixitais; ou cos máis novos, ao fomentar as súas habilidades tecnolóxicas relacionadas coa programación.

Programa de Voluntariado Dixital - VOLDIX

O Programa de Voluntariado Dixital é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e conta xa con 645 persoas voluntarias dixitais, unha cifra que nestes meses de pandemia tivo un gran incremento. O Programa ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías á cidadanía, favorecendo a inclusión dixital especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos (persoas con discapacidade, maiores, persoas en situación de desemprego, persoas en risco de exclusión social, etc).

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas do ámbito tecnolóxico, a colaboración das asociacións sen ánimo de lucro e o aproveitamento das infraestruturas públicas.

Imaxes relacionadas