A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión con representantes da Asociación de empresas de control de calidade e control técnico independentes (AECCTI)

Ángeles Vázquez salienta o traballo das entidades de control de calidade da edificación para a conservación e mellora do patrimonio inmobiliario de Galicia

A conselleira subliña o papel que teñen para a calidade da edificación, pois son unha garantía de control independente de moitos aspectos dunha obra, como a recepción de produtos, materiais e execución das obras

Ambas partes lamentan a falta de concreción de información sobre os fondos europeos para os programas de vivenda, tendo en conta que “a información que traslada o Goberno central é moi escasa e difusa”

Lembra que o Decreto polo que se regula a avaliación dos inmobles galegos para acreditar o seu estado de conservación e o cumprimento en materia de accesibilidade e eficiencia enerxética entrará en vigor este mes

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor o traballo que realizan as entidades de control de calidade da edificación para a conservación e mellora do patrimonio inmobiliario e edificatorio de Galicia.

Vázquez Mejuto mantivo unha reunión esta semana con membros da Asociación de empresas de control de calidade e control técnico independentes (AECCTI), que se encargan da supervisión técnica para valorar os riscos das edificacións para a subscrición das correspondentes pólizas e tamén do control de calidade dunha edificación, é dicir, prestan asistencia técnica na verificación da calidade do proxecto ou durante a execución da obra.

Neste sentido lembrou que, en Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é o órgano competente en materia de control de calidade da edificación, polo que elaborou normativas de habitabilidade e outros instrumentos de interese para a AECCTI, como a Lei de rehabilitación ou o Informe de avaliación de edificios (IAE). Tamén organiza cursos dirixidos aos técnicos, co fin de mantelos informados e actualizados das guías e estudos, así como das novas normativas, sistemas e tendencias das tecnoloxías da construción.

A conselleira trasladoulle a representantes da asociación a importancia do papel que teñen para a calidade da edificación, pois son unha garantía de control independente de moitos aspectos dunha obra, como a recepción de produtos e de materiais, así como da súa execución.
Deste xeito, invitounos a formar parte dos distintos grupos do Observatorio da Vivenda que gardan relación co seu labor e función, e que así axuden a verificar a calidade dos proxectos, con independencia da complexidade ou do tamaño da actuación.

Reparto dos fondos europeos

Outro dos puntos da reunión foi o reparto dos fondos europeos que prevé realizar o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A conselleira sinalou que o Goberno galego está á expectativa do marco, do reparto e dos prazos dos distintos programas en materia de vivenda que disporán de achegas económicas europeas. Nesta liña, ambas partes lamentaron non poder concretar máis datos, tendo en conta que “a información que traslada o Goberno central é moi escasa e difusa”

A conselleira tamén se comprometeu a trasladar ao Ministerio outra cuestión de interese para estas entidade, como son as trabas e dificultades para acreditar o aforro dun 30% de eficiencia enerxética nos cascos históricos. Segundo manifestou a conselleira, é necesario dispor dun marco sinxelo e que, despois, cada comunidade autónoma realice unha adaptación tendo en conta a súa singularidade.

Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente trasladou que, recentemente a Xunta impulsou unha medida que reafirma o seu compromiso coas Entidades de control de calidade da edificación (ECCE) para a realización da súa actividade. “A Xunta avanzou un paso importante na axilización e simplificación da tramitación e avaliación ambiental dos plans e proxectos que se leven a cabo na Comunidade galega coa definición dunha rede de entidades expertas neste ámbito”, subliñou.

Sobre isto, cómpre lembrar que na actualidade está en período de consulta pública o procedemento de elaboración do Decreto polo que se regularán as entidades de colaboración ambiental e se crea o banco de persoas expertas en avaliación ambiental.

Por último, a conselleira e os representantes de AECCTI coincidiron en que Galicia deu un salto cualitativo e cuantitativo en materia de vivenda, especialmente en rehabilitación, co que se abriu un novo escenario para a recuperación das vilas e dos concellos de Galicia. Segundo apuntou a conselleira, esta actividade económica non só é unha garantía para acceder a unha vivenda, senón que é unha medida para mellorar, conservar e adaptar as vivendas e acreditar a súas condicións en materia de habitabilidade, accesibilidade e sostibilidade.

Nese sentido, recordou que o Consello da Xunta aprobou o mes pasado o Decreto polo que se regula a avaliación dos inmobles galegos para acreditar o seu estado de conservación e o cumprimento en materia de accesibilidade e eficiencia enerxética. Así, este mes entrará en vigor unha normativa que obriga aos inmobles de tipoloxía residencial de vivenda colectiva que teñan 50 anos ou máis, que carezan de declaración firme de ruína e con independencia de que nese edificio existan usos distintos ao residencial, a dispor dunha análise para acreditar o cumprimentos destas cuestións.

Imaxes relacionadas