A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e representantes das entidades participaron hoxe nun acto simbólico de sinatura

A Xunta renova os convenios de colaboración con 59 entidades de pesca para traballar conxuntamente na conservación e mellora dos ríos galegos

“Trátase dunha medida efectiva para protexer aqueles lugares que, en moitas ocasións, só son coñecidos polos pescadores”, subliña a conselleira

Salienta o servizo de vixilancia, o mantemento de infraestruturas, a sinalización dos tramos acoutados ou os labores de limpeza entre as medidas que se levarán a cabo ao abeiro desta cooperación

Outro das actuacións que asumen estas entidades é a distribución de máis dun terzo dos permisos de pesca ofertados en toda Galicia

Teo (A Coruña), 8 de maio de 2021

A Xunta de Galicia e 59 entidades de pesca renovaron hoxe os convenios de colaboración para o desenvolvemento de actividades de conservación e mellora dos ríos e das augas continentais da Comunidade.

“Trátase dunha medida efectiva para protexer e conservar aqueles lugares que, en moitas ocasións, só son coñecidos polos pescadores”, salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que esta mañá, na contorna do Xirimbao, participou nun acto simbólico de sinatura con representantes dunha vintena de entidades. Tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Desta forma, un ano máis renóvase o compromiso de traballar de xeito conxunto a prol da conservación e mellora da pesca fluvial en Galicia. Entre as 59 entidades colaboradoras de pesca que asinaron o convenio hai 21 da provincia da Coruña, 18 de Lugo, 9 de Ourense e 11 de Pontevedra.

Así, a conselleira enumerou as medidas e actuacións que se levarán a cabo ao abeiro desta colaboración, e que se resumen como “compromisos ineludibles”: servizo de vixilancia; mantemento de infraestruturas, accesos, sendas e postos; operatividade dos sistemas de avaliación de capturas; colaboración cos servizos provinciais de Patrimonio Natural nos traballos programados; actividades de concienciación e divulgación; sinalización dos tramos acoutados; desenvolvemento de labores de limpeza; e xestión dos residuos.

Outro dos compromisos ao abeiro destes convenios é a distribución dos permisos de pesca entre o sector. Así, dos case 300.000 ofertados para esta tempada en toda Galicia, as entidades colaboradoras xestionan algo máis dun terzo. Na mesma liña tamén se ocupan da selección dos días hábiles adicionais na modalidade de pesca sen morte.

Un papel de vital importancia

Segundo manifestou Ángeles Vázquez, o papel dos pescadores é de vital importancia para o coidado do medio ambiente, pois no exercicio da súa paixón “pisan os lugares que case ninguén pisa nunca”.

Nesta liña, subliñou o papel dos integrantes deste colectivo, que son os “primeiros vixilantes” da natureza, converténdose así na vangarda da sociedade que desexa conservar e mellorar o medio no que vive; “os ríos, as augas continentais, os montes, a natureza en xeral, que tantos beneficios e riqueza achegan ao conxunto da sociedade”, dixo.

Así mesmo, a conselleira salientou que ese equilibrio é necesario para que o medio ambiente galego sexa capaz tamén de xerar riqueza e emprego. Ademais, Ángeles Vázquez lembrou que a Lei de pesca continental de Galicia, aprobada recentemente, recolle a creación das escolas de río, para así seguir traballando na remuda xeracional.

Imaxes relacionadas