A Xunta reforza os programas de vixilancia e control entre os seus veterinarios oficiais e os adscritos ás asociacións de defensa sanitaria gandeira

Na xuntanza analizáronse os resultados obtidos no 2020 e presentáronse os programas que se van desenvolver nos anos 2021 e 2022 para a vixilancia e control de certas enfermidades

A Consellería do Medio Rural destina este ano un total de 2,15 millóns de euros ás axudas para as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras, que serven para financiar o seu traballo

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2021

Esta semana tivo lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, unha xuntanza organizada polos veterinarios oficiais deste departamento -concretamente da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e do propio CIAM- implicados no estudo do desenvolvemento dos programas sanitarios das Asociacións de Defensa Sanitaria (ADSG) de gando vacún e de pequenos ruminantes de Galicia.

Na reunión abordáronse os resultados obtidos no 2020 e presentáronse os programas que se van desenvolver nos anos 2021 e 2022 para a vixilancia e control da paratuberculose, a diarrea vírica bovina (BVD), a neosporose e a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR). Todas estas enfermidades do gando son de importancia debido ás repercusións que teñen no movemento comercial dos animais e, por conseguinte, polas perdas económicas que poden chegar a ocasionar.

Así, os resultados obtidos en 2020 indican que a porcentaxe de granxas con animais infectados tende a diminuír, tanto para a IBR como para a BVD. No caso da IBR, os datos obtidos permiten afrontar con garantías o control e erradicación desta enfermidade, incluída actualmente nun programa nacional de carácter voluntario aprobado en setembro de 2019 polo Goberno de España. Outro aspecto salientable é que a implementación destes programas facilita a realización de probas de diagnóstico previas á incorporación de animais, o que evita a entrada de reses enfermas nas granxas e impide o contaxio do rabaño.

Ademais, debatéronse distintos aspectos relacionados co diagnóstico laboratorial e déronse a coñecer os resultados obtidos no primeiro ano de traballo ao abeiro da acción de cooperación AC2020-02 "Apoio ao diagnóstico da IBR no marco dos programas sanitarios das ADSG de Galicia". Dita acción de cooperación, financiada pola Consellería do Medio Rural a través da submedida 16.2 do actual PDR, está sendo coordinada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) en colaboración coa Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e as ADSG de Curtis e Gando Vacún de Mesía.

Con esta acción de cooperación, ao aplicar técnicas que utilizan sistemas de información xeográfica, viuse que a enfermidade (IBR) non se distribúe de xeito homoxéneo no territorio galego. Detectouse, tamén, nalgunhas granxas, a presenza de algúns animais con anticorpos fronte a herpesvirus bovinos distintos do causante da IBR como son os herpesvirus bovinos tipo 2 e tipo 4 e puidéronse poñer a punto técnicas diagnósticas moleculares que se utilizarán para a detección doutros herpesvirus distintos dos que causan a IBR, o que permitirá mellorar a especificidade do diagnóstico desta patoloxía.

Control sanitario

En Galicia hai máis de 50 ADSG de gando vacún que agrupan o 26% das granxas e case o 60% do censo de ruminantes. Considerando só as granxas de aptitude láctea, esta porcentaxe elévase a máis do 60% do censo bovino de leite.

De aí que os programas sanitarios das ADSG, que se veñen desenvolvendo na Comunidade desde o ano 2004, constitúen unha ferramenta básica, na que tanto a Consellería do Medio Rural como veterinarios e gandeiros traballan conxuntamente para elevar o status sanitario das gandarías galegas, tendo en conta aspectos relacionados co benestar animal e co control e vixilancia de enfermidades animais.

Precisamente, a Consellería destina este ano un total de 2,15 millóns de euros ás axudas para ditas agrupacións, que serven para financiar o traballo que realizan estas entidades para desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.