Román Rodríguez visita a rodaxe na Cidade da Cultura da longametraxe ‘Proyecto Emperador’, apoiada pola Xunta

O edificio do Museo Centro Gaiás acolle hoxe a gravación da película de Vaca Films, que conta cunha achega do Goberno autonómico de preto de 240.000 euros

O conselleiro saudou o director Joge Coira e a produtora Emma Lustres, así como os actores Denís Gómez, Santi Prego, Arón Piper e a actriz Georgina Amorós
 

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a rodaxe de Proyecto Emperador, a nova longametraxe da produtora galega Vaca Films, dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Luís Tosar. O espazo dedicado a eventos no edificio do Museo Gaiás convértese esta noite en plató de cinema para a gravación de varias escenas ambientadas na celebración dunha gala.

Na súa visita, o conselleiro, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, saudou o director Jorge Coira e a produtora Emma Lustres, e os actores Denís Gómez, Santi Prego e Arón Piper, e a actriz Georgina Amorós. Xunto a estes e a Luís Tosar, completan o elenco Alexandra Masangkay, Miguel Rellán, Laura Domínguez e María Botto.

O filme é un dos proxectos beneficiarios das axudas a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego da Xunta, cunha achega de 239.772 euros. Esta liña de subvención vai dirixida a longametraxes de ficción con especial valor cinematográfico, cultural e social que fomenten o tecido industrial do sector audiovisual galego, posúan alta viabilidade na súa execución e vocación de distribución nacional e internacional. Nos últimos anos, diversos traballos da produtora Vaca Films recibiron o apoio da Administración autonómica ao abeiro desta convocatoria, tales como La sombra de la ley, Quien a hierro mata, Feedback ou Kidnapped, con contías similares ás do filme en rodaxe.

Cine de intriga e emoción

Proyecto Emperador é unha película de intriga cunha forte carga emocional, que aborda temas como a lealdade e o respecto, a mentira ou o ben común, e, sobre todo, formula importantes dilemas morais. Trátase dunha historia orixinal do recoñecido guionista Jorge Guerricaechevarría, que bebe de feitos reais de actualidade. A música orixinal é obra do compositor e produtor catalán afincado en Galicia Xavi Font.

Ademais de na Cidade da Cultura, a produtora está a gravar ao longo de sete semanas en diferentes localizacións da cidade da Coruña, así como noutras cidades de España, de Panamá e en Budapest (Hungría). A previsión é que o filme se estree a finais deste ano.
 

Imaxes relacionadas