A Xunta difunde a cultura Xacobea cun espectáculo de monicreques sobre Don Gaiferos que chega a Lugo este domingo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que se enmarca nunha proposta multidisciplinar sobre esta figura literaria financiada polo Goberno galego con 44.800 euros

Lugo, 7 de maio de 2021

A Xunta de Galicia impulsa unha proposta multidisciplinar arredor do protagonista do Romance de Don Gaiferos de Mormaltán para contribuír á difusión desta figura literaria que forma parte da cultura xacobea.

A iniciativa Don Gaiferos polos Camiños cara Compostela está promovida pola compañía teatral Kukas e conta cunha achega de 44.800 euros do Goberno galego, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o programa O teu Xacobeo; ten carácter itinerante e inclúe unha exposición, a reedición dun cómic e un espectáculo de monicreques.

O espectáculo musical chega a Lugo este domingo, día 9, e dará comezo ás 18.30 horas no auditorio Gustavo Freire, onde xa está instalada a exposición de marionetas de fíos e decorados da versión da obra Don Gaiferos estreada para o Xacobeo 93, así como deseños orixinais das diferentes versións da obra e planas do cómic editado naquel ano.

O cómic é obra de Marcelino de Santiago e Agustín de Castro e narra a viaxe do peregrino francés ata a súa morte aos pes do Apóstolo Santiago. A peza inclúe os lugares e monumentos fundamentais da ruta francesa do Camiño de Santiago coma Roncesvalles ou Somport ata chegar a Catedral de Santiago e o seu Pórtico da Gloria.

Tamén se repasan os ritos, costumes e lendas mais populares da peregrinación xacobea como o xantar dos peregrinos na Catedral de Pamplona, o costume de deixar unha pedra na Cruz de Ferro ou a de coller unha pedra de cal en Triacastela e levala ata Castañeda. E de como, xa cerca de Santiago, os peregrinos se aseaban en Lavacolla para dunha carreira chegar a Compostela e admirar o botafumeiro, darlle un croque ao Mestre Mateo e apertar a estatua do Apóstolo Santiago para logo, moitos deles seguir camiño ata Fisterra.