Sanidade recibe a medalla de ouro de Anfaco-Cecopesca polo seu labor na xestión da pandemia

García Comesaña destaca que “este recoñecemento ten nome e apelidos, o dos 44.000 profesionais que integran a sanidade pública galega”

Vigo, 7 de maio 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recolleu esta mañá a medalla de ouro que outorga anualmente a asociación ANFACO-CECOPESCA en recoñecemento polo labor realizado polos profesionais sanitarios na xestión da pandemia provocada pola covid-19.

Durante o acto, celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, o responsable da carteira sanitaria da Xunta remarcou que este recoñecemento “ten nome e apelidos, o dos máis de 44.000 profesionais que integran a sanidade pública galega”. Así, salientou “a súa valía profesional, a entrega e o seu compromiso coa sociedade”.

Cando vén de superarse o primeiro desde o comezo da pandemia, García Comesaña cualificou aos profesionais dos Servizo Galego de Saúde como “imprescindibles”, lembrando que “foron soporte e coidado para os enfermos” e que, nestes intres “seguen coidando de nós, marcando o ritmo de vacinación de Galicia”.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade tivo tamén palabras de recoñecemento para os profesionais que desenvolven o seu labor na industria alimentaria, salientando o importante papel que están a xogar desde o inicio da crise sanitaria. “A ANFACO e á Xunta de Galicia móvelles a mesma inquietude: protexer a saúde das persoas”, apostilou.

Finalmente, o conselleiro lembrou que a pandemia aínda no rematou, polo que “non se pode baixar a garda”, apelando ao cumprimento das medidas e recomendacións sanitarias, ademais de “seguir actuando con sentidiño”.
 

Imaxes relacionadas