Feijóo presenta os oito eixos de actuación do Pacto de Estado por Ferrol proposto pola Xunta para resolver os problemas demográficos, económicos e laborais da comarca

Salienta que este documento servirá para ampliar, negociar, reflexionar e unir as distintas prioridades da Administración xeral do Estado, da Deputación da Coruña e dos concellos de Ferrolterra porque “neste momento debemos estar todos xuntos”

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe, na rolda de prensa do Consello, os oito eixos de actuación do “documento base” proposto pola Xunta para a elaboración do Pacto de Estado por Ferrol e contribuír así á resolución dos problemas demográficos, económicos e laborais da comarca.

Feijóo salientou que a proposta presentada hoxe servirá “para ampliar, negociar, reflexionar e unir” as distintas prioridades da Administración xeral do Estado, da Deputación da Coruña e dos concellos que conforman a comarca porque “neste momento debemos estar todos xuntos”.

O primeiro dos eixos deste documento avoga por impulsar a recuperación das empresas mediante plans de rescate para os sectores máis afectados pola pandemia ou apoios directos.

Tamén se busca reforzar a presenza das actividades industriais estratéxicas como o naval, a industria enerxética ou a electrointensiva así como modernizar a economía comarcal coa mellora de Navantia e de eidos como o forestal, o primario e o alimentario.

Feijóo fixo fincapé na importancia de concretar un “polo enerxético” na comarca de Ferrolterra con distintas modalidades de produción de enerxía: biocombustibles nas Pontes, gas licuado en Reganosa, hidróxeno verde -con proxectos que se inclúen na candidatura galega aos Next Generation- e eólica mariña.

“A comarca ten unha potencialidade enerxética que non pode ser desmantelada sen substituírse por outra”, abundou.

Ademais, a Xunta busca impulsar as cadeas de valor para incorporar aos sectores auxiliares e apostar pola innovación e o coñecemento como prioridades coa potenciación do Centro de Innovación e Servizos de Tecnoloxía e Deseño (CIS Ferrol) e do Campus Industrial.

A proposta de Pacto de Estado inclúe o necesario incremento da competitividade cunha aposta decidida polas infraestruturas como sumar a Ferrol ao Corredor Atlántico de Mercadorías, modernizar a liña ferroviaria Ferrol- A Coruña e mellorar a seguridade das estradas da zona, “especialmente o corredor Ferrol-Ortigueira”, dixo Feijóo.

Finalmente, o oitavo eixo aborda a consolidación, ampliación e modernización dos servizos públicos docentes, sociais e sanitarios.

Pola súa parte, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou que entre as propostas achegadas esta semana nas diferentes reunións con concellos, sindicatos e tecido empresarial, destacan a transformación do buque civil de transporte Galicia en Navantia, o reforzo do Plan Rexurbe ou a creación do Xeoparque Ortegal.

Tal e como explicou, este conxunto de medidas, xunto coas que se vaian incorporando, teñen como obxectivo dar a esta comarca unha resposta institucional conxunta e desde a unidade de acción para que Ferrolterra se poida beneficiar da dobre oportunidade que supón a transformación dixital e ecolóxica. Neste sentido, indicou que a Xunta enviará a próxima semana este documento base aos gobernos central, provincial e locais de Ferrolterra para pechar o antes posible o Pacto de Estado por Ferrol.

Imaxes relacionadas