Fernández-Tapias valora a contribución de Érguete na atención, asesoramento e reinserción de pacientes con trastornos aditivos

A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou o compromiso do Goberno galego coas entidades que traballan no eido dos trastornos aditivos, ás que este ano destina máis de 10 millóns de euros

Recordou que a Consellería de Sanidade colabora con esta entidade sen ánimo de lucro cunha achega de preto de 400.000 euros
 

Vigo, 7 de maio de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, valorou hoxe a contribución de entidades sin ánimo de lucro como é o caso da Fundación Érguete na atención, asesoramento e reinserción de pacientes con trastornos aditivos.

Durante unha visita ás instalacións de Érguete nas que estivo acompañada pola súa presidenta, Carmen Avendaño, a representante autonómica destacou a importancia de seguir apoiando ás entidades que traballan no eido dos trastornos aditivos, coas que a Consellería de Sanidade mantén unha colaboración continuada.

Fernández-Tapias renovou así o compromiso que ven demostrando o Executivo galego desde o 2009 coa Fundación e a Asociación Érguete á que este ano destina preto de 255.000 euros. Asemade, neste 2021 a través dunha orde de axudas para vivendas tuteladas destinadas a persoas con trastornos aditivos, Érguete recibe a maiores 138.000 euros, tal e como indicou a representante autonómica.

A delegada territorial recordou que a Xunta destina máis de 10 millóns de euros a este tipo de programas no conxunto de Galicia co compromiso das entidades sen ánimo de lucro de atender toda a demanda xerada, realizando a atención integral aos pacientes con trastornos aditivos e ás súas familias, atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde.

Neste contexto, a delegada subliñou a importancia da futura Lei sobre prevención das adiccións en menores en Galicia, que se atopa en período de consulta previa, e que como principal novidade incorpora medidas de prevención doutras adiccións sen substancia e da problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, coas relacionadas co uso das redes sociais e os videoxogos.

 

Imaxes relacionadas