Luis López anuncia a ampliación das aulas e a adaptación de espazos do IES Sánchez Cantón de Pontevedra para reforzar a seguridade sanitaria do alumnado

O delegado territorial informa da licitación desta actuación cun orzamento de 236.000€ nunha visita realizada esta mañá ao instituto pontevedrés

O obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade pasa por adxudicar as obras nas vindeiras semanas para que se acometan este verán

O proxecto reformulará as estancias para dotar ao centro de aulas de ata 90 m2

Tamén se realizarán melloras nos sistemas de ventilación, tanto natural como mecánica, e se efectuarán renovacións da iluminación, electricidade e calefacción

Pontevedra, 7 de maio de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá a licitación das obras de ampliación de aulas e adaptación de espazos interiores do IES Sánchez Cantón de Pontevedra para reforzar a seguridade sanitaria do alumnado e da comunidade educativa cun investimento de 236.000€.

O representante autonómico detallou, nunha visita ao instituto xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, que o cronograma previsto pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade pasa por adxudicar a actuación nas vindeiras semanas para que as obras se poidan executar ao longo do verán e o centro estea completamente remodelado para o inicio do vindeiro curso académico 2021/2022.

O proxecto deseñado pretende dar resposta axeitada ás necesidades fronte a covid-19 coa creación de aulas dunha maior capacidade e a rehabilitación de espazos infrautilizados nun instituto que conta cunha superficie construida de case 9.500 m2 e que, malia ter 36 anos de antigüidade, presenta un bo estado de conservación grazas ás ampliacións e rehabilitacións acometidas pola Xunta ao longo dos últimos anos.

“Este instituto é grande e ten unhas boas instalacións, o que nos permitiu implementar medidas provisionais durante este curso para outorgar a maior seguridade sanitaria aos seus usuarios, pero queremos aproveitar toda a súa potencialidade e melloralo para convertelo, xa con carácter permanente, nun centro multifuncional, versátil, aberto e espacioso para conferirlle unha maior confortabilidade e eficiencia”, explicou Luis López, que enmarcou esta reforma no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica impulsado pola Consellería de Educación e que destinará 191 millóns de euros nesta lexislatura á mellora dos colexios e institutos públicos de Galicia.

Deste xeito, a actuación consistirá na reformulación de aulas e diversas estancias, unificando salas de desdobres, seminarios, departamentos e outros espazos reducidos, para crear aulas de referencia de ata 90 m2 de superficie e, por outra banda, a adaptación como zonas lectivas de lugares infrautilizados, como aulas de tecnoloxía, laboratorios ou espazos con pouca ventilación, como é o caso das salas de música.

Para elo, executaranse obras como a reubicación das aulas de tecnoloxía, a recolocación de elementos como mesas de laboratorio, pizarras, proxectores ou tarimas, entre outros, a substitución de falsos teitos, luminarias e pavimentos, a adaptación das instalacións, sistemas de electricidade e calefacción, a reparación de certas patoloxías do inmoble, a mellora da iluminación dos semisotos e a dotación dunha mellora da ventilación, tanto natural, coa apertura de ocos e ventanais nas fachadas, como a través de sistemas mecánicos.

Imaxes relacionadas