A Xunta e o CSIC avanzan que 50 investigadores en ciencias do patrimonio se instalarán xa este ano no edificio Fontán do Gaiás

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e a presidenta do CSIC visitan as instalacións que ocupará o Instituto de Ciencias do Patrimonio

Román Rodríguez confirma que case o 90% do Fontán está rematado e que os traballos pendentes estarán finalizados esta primavera

O traslado dos equipos de investigadores do CSIC contribuirá a converter o Gaiás nunha referencia en España no eido dos estudos do patrimonio

Técnicos da Xunta e do CSIC revisan de xeito conxunto as áreas de traballo, laboratorios e instalacións científicas que acollerá este novo equipamento

Santiago de Compostela, 7 de maio 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a presidenta do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Rosa María Menéndez, visitaron hoxe as instalacións que ocupará o Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) no novo edificio Fontán da Cidade da Cultura e avanzaron que, este mesmo ano, medio centenar de investigadores do CSIC estarán xa instalados neste equipamento desenvolvendo as súas funcións e os seus proxectos desde o Gaiás.

O Incipit, dirixido polo profesor Felipe Criado-Boado, conta cun equipo de 50 persoas, de 11 nacionalidades diferentes, especializados nos estudos do patrimonio cultural. Trátase dun organismo cun elevado perfil internacional que desenvolve traballos en países como Portugal, Chile, a Arxentina, o Uruguai, Bolivia, Perú, Colombia, Guinea, Etiopía, Somalia, Tanzania, Senegal, o Reino Unido, Francia, Grecia ou Mongolia.

Acompañados por técnicos da Xunta e do CSIC, Román Rodríguez e Rosa María Menéndez supervisaron as áreas de traballo, laboratorios e instalacións científicas, onde o persoal do Incipit levará a cabo a súa misión, ocupando preto dun 20% dos 12.481 metros cadrados que compoñen a superficie do Fontán, edificio onde o Incipit convivirá con institucións dedicadas á promoción da investigación universitaria e a cualificación do profesorado.

Remate das obras

O conselleiro de Cultura constatou o avanzado grao de execución das obras, asegurando que o 90% dos traballos de construción do Fontán xa están concluídos e que os pendentes estarán rematados esta primavera, iniciándose os procesos de equipamento e traslado das institucións residentes. “Cumpriremos co obxectivo de rematar o Fontán neste Xacobeo e de conseguir que este edificio estea plenamente operativo en 2022”, asegurou o titular de Cultura e Educación do Goberno galego.

Pola súa banda, a presidenta do CSIC manifestou que “o Incipit trasládase á Cidade da Cultura de Galicia coa plena convicción de que é o marco ideal para o seu desenvolvemento futuro e, ao mesmo tempo, co compromiso de crear interaccións que fortalezan o perfil científico e cultural do Gaiás”.

Neste senso, a localización do Incipit e a creación tamén no edificio Fontán dun novo centro de investigación interuniversitario, especialmente orientado aos estudos ao redor do Camiño de Santiago, converterán a Cidade da Cultura de Galicia nun dos polos de referencia en España no eido dos estudos do patrimonio.

Edificio verde

A visita ao Fontán contou coa presenza de Andrés Perea, arquitecto responsable da redacción do proxecto desta infraestrutura e da dirección de obra, quen chamou a atención sobre o carácter “ecolóxico e sustentable” dun edificio equipado para optimizar o reducir os custos enerxéticos, así como o seu sofisticado equipamento tecnolóxico destinado a dar servizo ás institucións residentes.

O Fontán foi construído aproveitando a estrutura xa edificada do que ía a ser a Ópera do Gaiás, obra incluída no proxecto orixinal da Cidade da Cultura e que foi paralizada despois de ser iniciada. A decisión de localizar no Gaiás o Fontán, cun orzamento de 14,7 millóns, posibilitou un notable aforro xa que se estima que a adquisición dun solar e construción dunha infraestrutura destas mesmas características noutro punto ascendería a 33 millóns, ademais dos 10 millóns que suporía demoler a estrutura do teatro da Ópera que existía no Gaiás.

A localización do Incipit no Fontán é o resultado dun convenio de colaboración entre o CSIC e a Xunta de Galicia. En virtude deste acordo, o CSIC achega 2,4 millóns de euros, ademais dunha cantidade anual para asumir os custes que xere o Incipit. Estas achegas contribúen a minorar o custo desta infraestrutura para a cidadanía galega.