A Xunta comparte os seus avances normativos en materia de territorio nun foro sobre urbanismo comparado organizado polo Goberno de Asturias

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, impartiu esta semana unha sesión formativa en liña no marco dunhas xornadas sobre urbanismo autonómico comparado, organizadas polo Goberno de Asturias.

O foro, dirixido ao seu persoal funcionario, a secretarios, arquitectos e arquitectos técnicos da Administración local do Principado e tamén a traballadores das Cámaras de Comercio e dos colexios de arquitectos e de avogados, permitiu a posta en común das similitudes e das diferencias dos dous territorios.

Durante a súa exposición, Encarna Rivas fixo un repaso polas novidades normativas impulsadas pola Xunta nos últimos 12 anos co fin de sentar as bases dun urbanismo responsable que garanta a ordenación e a protección do territorio cunha visión de futuro.

Neste sentido, subliñou entre os fitos principais a aprobación no ano 2016 da Lei do solo de Galicia e do seu regulamento, apenas seis meses despois, que permitiu gañar en axilidade, eficacia, transparencia e simplificación administrativa, integrando por exemplo as tramitacións ambiental e urbanística.

Esta norma, de feito, sentou as bases para a aprobación do Plan Básico Autonómico (PBA), o novo marco xenérico da regulación urbanística no conxunto da Comunidade; e dos Plans Básicos Municipais (PBM), instrumentos pensados para concellos de menos de 5.000 habitantes e con escasa complexidade urbanística que, en desenvolvemento do PBA, ofrecen unha resposta adaptada ás necesidades de cada municipio. A día de hoxe hai 9 PBM na recta final da súa tramitación e noutros 9 concellos xa está contratada a cartografía.

Por último, a directora xeral centrou a última parte da sesión na Lei de ordenación do territorio (LOT), aprobada este mesmo ano e que substitúe á norma anterior, do ano 1995, para completar e pechar a senda iniciada coa Lei do solo.

Neste sentido, incidiu en que a LOT permitirá, sobre todo, mellorar a calidade de vida dos galegos a través da regulación dunha serie de instrumentos supramunicipais que corrixan os posibles desequilibrios resultantes da variedade que presenta o territorio galego.
 

Imaxes relacionadas