A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta mañá esta nova iniciativa

A Xunta lanza o programa Primavera Xove para ofrecer opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude galega

Desenvolveranse durante os meses de maio e xuño e permitirán que a mocidade teña actividades formativas e de entretemento que atendan ás medidas sanitarias

Durante as fins de semana organizaranse estadías de fin de semana nos albergues xuvenís Lug II de Lugo, e en Gandarío, no concello de Bergondo

Ofreceranse charlas formativas nos campus universitarios todos os mércores sobre diferentes temáticas, como as redes sociais ou emprendemento innovador

Cada venres organizaranse feiras de primavera nalgún dos 12 espazos xoves repartidos por toda a Comunidade

A titular do departamento autonómico visitará esta tarde o espazo xove de Pontedeume, onde se organiza xa a primeira feira con charlas e obradoiros

O prazo para solicitar praza nalgunha destas actividades está aberto e dispoñible na páxina web de Xuventude

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

A Xunta presentou esta mañá o programa Primavera Xove para ofrecer opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude galega no actual contexto de pandemia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, adiantou que esta nova iniciativa se desenvolverá en tres formatos diferentes —programas de fin de semana nos albergues xuvenís, encontros formativos nos campos universitarios e feiras nos espazos xoves—, e terá lugar durante os meses de maio e xuño.

A primeira destas actividades centrarase en estadías de fin de semana nos albergues xuvenís Lug II de Lugo e en Gandarío, situado no concello de Bergondo. Nelas ofreceranse un total de 160 prazas, 20 por cada fin de semana, e poderán participar mozas e mozos de entre 14 e 17 anos. O programa é totalmente gratuíto e incluirá o aloxamento de venres e sábado, a manutención completa e unha variada listaxe de actividades.

A segunda das propostas de lecer que presenta o programa Primavera Xove consistirá en charlas formativas e inspiradoras nos campus universitarios a cargo de poñentes recoñecidos en diferentes eidos. Os contidos principais serán o emprendemento innovador, as redes sociais, a cultura e a educación emocional, entre outros. Poderán participar un total de 20 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos en cada unha e levaranse a cabo todos os mércores de maio e xuño nos campus de Vigo, Santiago, A Coruña e Ourense a partir do próximo día 12.

Por último, ao longo dos venres vindeiros tamén se realizarán feiras nos 12 espazos xoves da Consellería de Política Social que se sitúan en Lalín, Pontedeume, Betanzos, Curtis, Ourense, Vilalba, Viveiro, Noia, Chantada, Vilagarcía, Carballo e Tui. Estes encontros, nos que participarán os institutos de cada zona, terán un aforo limitado e contarán con obradoiros de cultura urbana e actuacións musicais.

Feira de primavera en Pontedeume

O enderezo para enviar as solicitudes de participación en calquera destas actividades estará dispoñible desde hoxe mesmo na páxina web de Xuventude, onde tamén se poderá consultar a programación completa.

A directora xeral explicou que estas actividades levaranse a cabo respectando as medidas de prevención, seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19. Ademais, puntualizou, trátase dunha oportunidade única para garantir que a xuventude manteña un ocio seguro ao tempo que segue desfrutando de foros formativos, espazos de entretemento e coñecen espazos da xeografía galega.

Algunha destas actividades xa comezaron este venres, como é o caso das feiras Primavera Xove nos espazos xoves de Lalín, Pontedeume e Betanzos. Cristina Pichel achegarase esta tarde ao de Pontedeume para coñecer como se está a desenvolver esta actividade. Alí no día de hoxe realizarase unha charla en liña con Saúl Vérez co título “Visibiliza a túa marca e destaca grazas ao mundo dixital”. Tamén se farán obradoiros de impresión 3D e de danza moderna.

Imaxes relacionadas