Política Social licita o equipamento da residencia de maiores de Cerdedo por 215.000 euros

Pódense prestar ofertas ata o vindeiro día 25 deste mes de maio e o prazo de execución dos traballos é de 30 días

Con esta actuación, o Goberno galego avanza na entrada en servizo desta nova infraestrutura construída ao anexo do actual centro de maiores e na que investiu dous millóns de euros

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 7 de maio de 2021

A Xunta licita o equipamento da residencia de maiores de Cerdedo por 215.000 euros. As empresas teñen ata o día 25 deste mes de maio para presentar as súas ofertas e o prazo de execución dos traballos é de 30 días, unha vez adxudicado o contrato.

Deste xeito, o Goberno galego avanza na próxima entrada en servizo desta nova infraestrutura construída ao anexo do actual centro de maiores e en cuxas obras se investiron dous millóns de euros. Con esta ampliación duplícase o número de prazas residenciais, ao pasar das 18 ás 48. Así mesmo, esta actuación permite destinar integramente as antigas instalacións a centro de día, que manterá as 30 prazas actuais con máis espazo e comodidades para os seus usuarios.

As condicións deste procedemento pódense consultar na Plataforma de Contratos de Galicia. O contrato é para o equipamento e amoblamento completo da zona residencial, o que afecta ás súas 24 habitacións dobres, con baño xeriátrico incluído; á área de enfermaría; ao salón; ao comedor e á cociña, entre outros espazos. Esta licitación tamén inclúe dotar ao centro de xogos de terapia; do sistema de chamadas e control de accesos; e de elementos de exterior, como mesas de terraza, bancos de madeira ou cadeiras.