A Xunta destaca que a igualdade laboral é “unha oportunidade única” para a mellora do emprego feminino e para acadar xustiza social

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe desde Santiago de Compostela nun webinario coa asociación Executivas de Galicia no que se ofreceu información sobre a nova normativa en materia de igualdade laboral

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe desde Santiago de Compostela nun webinario dirixido á asociación Executivas de Galicia no que informou sobre os recursos dos que dispón a Xunta para facilitar a empresas e traballadores a implantación de medidas para avanzar cara á igualdade laboral.

Mancha apuntou que a Xunta está fomentando políticas de emprego e igualdade tendo presente a mellora do emprego feminino, “xa que supón un beneficio para as mulleres e para as empresas” e indicou que na Xunta de Galicia “estamos convencidos de que a igualdade é futuro, avance e xustiza social” e matizou que “o Goberno galego está totalmente comprometido coa igualdade laboral”.

Para Mancha a igualdade pode supoñer para a empresa “unha oportunidade única” e un novo elemento estratéxico que introduce formas innovadoras de xestión e mellora a eficacia organizativa das empresas ao ter un maior coñecemento do seu funcionamento. Segundo explicou, proxecta unha imaxe positiva sobre o seu compromiso coa responsabilidade social, que permite unha maior atracción e retención do talento e de clientela e achegando un elemento de diferenciación coa competencia. A directora xeral incidiu, ademais, en que a igualdade laboral favorece a conciliación laboral, persoal e familiar desde a corresponsabilidade, mellora o clima laboral e reduce o absentismo.

No webinario, a directora xeral informou, ademais, de que a Xunta está a desenvolver un completo plan formativo que con actividades como a de hoxe, permite afondar nas obrigacións que esixe a lexislación vixente para poñer en marcha o rexistro e a auditoría, a revisión da estrutura salarial interna da empresa ou as vantaxes de implantar Plans de Igualdade nas pequenas e medianas empresas.

A Consellería de Emprego e Igualdade está a axudar ás empresas a emprender o camiño cara ao novo marco, poñendo énfase na formación e nos apoios para a adaptación das organizacións á normativa e estender ás organizacións ferramentas como o rexistro de retribucións por sexo.

Imaxes relacionadas