A Xunta destina máis de 1M€ na renovación das cubertas de tres colexios e un instituto da Coruña

Os centros beneficiados son os colexios Plurilingüe Alborada, Salgado Torres e Plurilingüe San Pedro de Visma, así como o instituto Plurilingüe Elviña

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que entre outros fitos promove a eficiencia enerxética nas instalacións educativas

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de renovación de cubertas de tres colexios e un institutos da cidade da Coruña, nos que investirá máis de 1M€. Os centros beneficiados son os CEIPs Plurilingüe Alborada, Salgado Torres e Plurilingüe San Pedro de Visma, así como o IES Plurilingüe Elviña. A previsión da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é realizar estas obras no verán, de tal forma que non interfiran no normal desenvolvemento da actividade lectiva. En todos os casos o prazo de execución é de 2 meses, agás no instituto, que é de 3 meses.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que entre outros fitos promove a eficiencia enerxética nas instalacións educativas. Este plan constitúe a folla de ruta do Goberno galego para o deseño dos centros educativos postcovid, máis espazosos e saudables e máis sustentables desde o punto de vista medioambiental. Así mesmo, promoveranse edificios cunha funcionalidade ao servizo das necesidades do ensino.

Cun orzamento de licitación de 193.023,22€, a obra no CEIP Plurilingüe Alborada consistirá na substitución do acabado de cubertas existente por un novo de paneis de aceiro con illante intermedio. Tamén se mudarán os canlóns e baixantes e illaranse os espazos baixo cuberta mediante placas ríxidas de poliestireno.

No caso do CEIP Salgado Torres, renovaranse as cubertas do edificio principal e do de infantil por unhas novas de paneis de aceiro con illante intermedio e cambiaranse tamén os canlóns e baixantes. O orzamento de licitación desta actuación ascende a 276.703,18€.

A actuación no CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma tamén se centra na substitución do acabado de cubertas existente por un novo de paneis de aceiro con illante intermedio e no cambio de canlóns e baixantes. Neste caso o orzamento de licitación é de 170.188,29€.

Actuacións complementarias

A intervención máis complexa, cun orzamento de licitación de 380.875,91€, é a do IES Plurilingüe Elviña onde, ademais da renovación da cubrición, se acometerán outras reparacións puntuais e o pintado das fachadas do inmoble.

Polo demais, a obra consiste na substitución de faldóns de cuberta do inmoble por paneis de chapa de aceiro galvanizado, perfil nervado, con recheo intermedio de espuma de poliuretano. Asemade, acometerase a mellora da cubrición de dous dos patios interiores, e a renovación de canlóns e baixantes de pluviais.

Imaxes relacionadas