A Xunta reforza a colaboración co Ligal para a realización anual de 1,5 millóns de analíticas de mostras de leite nos vindeiros catro anos

A Consellería do Medio Rural destina para estas actuacións un total de dous millóns de euros no período 2021-2024

José Balseiros salientou a importancia do traballo que desenvolve este centro e a súa decisiva contribución á mellora constante da calidade e do prestixio do leite galego, a través do seu labor de control
 

Abegondo (A Coruña), 7 de maio de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), organismo certificador do control leiteiro na nosa comunidade. Trátase dun centro independente no que están representadas de xeito paritario as industrias lácteas, a través da súa Federación Nacional, e os produtores, por medio das organizacións profesionais agrarias e das asociacións de cooperativas.

Nesta visita, o director xeral salientou a importancia do traballo que desenvolve o Ligal e a súa decisiva contribución á mellora constante da calidade e do prestixio do leite galego, a través do seu labor de control. Ademais, lembrou que o Goberno galego asinou recentemente un novo convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e este laboratorio para a realización das análises de mostras de leite procedentes do control leiteiro do gando vacún de Galicia. Esta colaboración permitirá facer durante os vindeiros catro exercicios ata un total de 1,5 millóns de analíticas de mostras de leite anuais.

José Balseiros destacou tamén que o orzamento total destinado para estas actuacións é de dous millóns de euros, a razón de 500.000 euros para cada un dos anos 2021, 2022, 2023 e 2024. Así, puxo en valor que este convenio teña carácter plurianual para, desta forma, asegurar a estabilidade na execución do plan, ao tempo que se mellora a súa xestión económica a un custo axeitado e eficiente.

O obxectivo desta cooperación na realización de análises é a obtención de datos para avaliar xeneticamente aos animais reprodutores e poder desenvolver o Programa de mellora xenética de frisón de Galicia. Este programa ten por obxecto poñer a disposición dos gandeiros galegos material xenético de alta calidade producido en Galicia para obter animais máis selectos e eficientes na produción de leite e, deste xeito, mellorar a súa competitividade.

O Ligal é o laboratorio designado por decreto como entidade oficial para realizar as análises das mostras de leite dos controis leiteiros oficiais de todas as especies en Galicia e para colaborar coa Consellería do Medio Rural no control leiteiro. Organiza a loxística da recollida e análise das mostras de leite e pon a disposición das asociacións provinciais de control leiteiro os datos obtidos para o seu posterior tratamento.

Estratexia do lácteo

Ademais, José Balseiros enmarcou todos estes traballos na Estratexia de dinamización do lácteo galego, que a Xunta puxo en marcha de acordo co sector e que está a impulsar o seu desenvolvemento.

Trátase, destacou o director, dunha folla de ruta que pretende servir de referencia para definir o futuro do sector a través de diferentes eixos estratéxicos, que contemplan tanto a produción, a industria e os mercados como -de xeito transversal- a cadea de valor e a formación e a innovación.

Balseiros vinculou e enmarcou o labor do Ligal con estes eixos da Estratexia e agradeceu o papel que desempeña este laboratorio en beneficio dun sector clave para o rural galego.
 

Imaxes relacionadas