A Xunta licita hoxe obras de reforma no colexio de Castroverde, ás que destina 322.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que está previsto renovar as carpinterías exteriores, o sistema de iluminación, a caldeira e os falsos teitos, dacordo cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia

Castroverde (Lugo), 7 de maio de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de reforma que acometerá no CPI de Castroverde, cun orzamento de 322.400 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro acompañado polo equipo directivo para presentar o proxecto, adaptado ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con 191 millóns de euros. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 28 de maio e as obras teñen un prazo de execución de dous meses. A previsión é poder telas en marcha no verán.

Arias explicou que a actuación ten por obxecto a substitución das carpinterías exteriores, os falsos teitos, as luminarias e a caldeira do centro educativo. En conxunto, estas intervencións mellorarán o illamento e a eficiencia enerxética e facilitarán a ventilación das aulas e do resto dos espazos do colexio.

No inmoble principal e no secundario cambiaranse as ventás por outras con rotura de ponte térmico, vidro illante e cámara de aire intermedia, e renovaranse as persianas. Ademais, nos tres edificios substituiranse as luminarias por equipos de tecnoloxía LED con regulación de luz e detectores de presenza en zonas comúns. Tamén se instalarán falsos teitos e substituirase a caldeira de gasóleo por outra nova co mesmo sistema de funcionamento.

Arias salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte...”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Imaxes relacionadas