A Xunta tramita a inscrición do "monte Peniñas, Pico, Rego do Couto e Lomba" e "monte Oural e Costa" do concello de Beariz no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

En concreto, inscribiranse 51,26 hectáreas destes montes de titularidade das comunidades de montes veciñais en man común de Alvite e de Lebozán e Busto

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública este procedemento de inscrición

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses dende o día seguinte á data de publicación.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de parte de “monte Peniñas, Pico, Rego do Couto e Lomba” e “monte Oural e Costa”, de titularidade das comunidades de montes veciñais en man común de Alvite e de Lebozán e Busto

Nesa liña, cómpre sinalar que estes montes contan cunha superficie de 303 hectáreas, das que se inscribirán no rexistro 51,26 hectáreas ocupadas por carballos (Quercus robur), bidueiros (Betula celtibérica) e castiñeiros como especies principais.

Así, a partir do día seguinte a publicación, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 31 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 1.900 hectáreas de terreo. Destes expedientes, seis corresponden á provincia da Coruña, oito á de Lugo, dez á de Ourense e sete á de Pontevedra.

Ademais, na actualidade xa existen 18 masas inscritas no rexistro: dúas na provincia da Coruña, oito en Lugo, tres en Ourense e cinco en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 1.550 ha.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Departamento:
C. do Medio Rural