O Plan de Formación Turística da Xunta ofrece este mes de maio máis de 30 cursos de transformación dixital, idiomas e xestión empresas

A directora de Turismo de Galicia participou nunha das formacións que se están xa a impartir para a mellora da xestión de restaurantes, en colaboración coa USC

A maior parte dos contidos ofértase de xeito dixital co obxectivo de permitir que os profesionais de todo o territorio poidan mellorar as súas capacidades e competitividade

A través do Portal de teleformación de Turismo de Galicia ofertaranse máis de 5000 prazas para axudar ao sector a readaptarse á realidade trala pandemia

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse ata o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para participar nunha das sesión presenciais do Curso de Xestión de Restaurantes, promovido pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago. Trátase dun dos 33 cursos que se celebran este mes de maio dentro do Plan de Formación Turismo de Galicia 2021 deseñado polo Executivo galego co obxectivo de seguir mellorando as competencias profesionais do sector turístico galego e contribuír a mellorar a súas capacidades e competitividade.

Unha mellora da formación turística que agora cobra unha especial importancia na recuperación deste sector e no marco deste Xacobeo 2021-2022, tal e como destacou Nava Castro, que fixo fincapé en que o vixente Plan de Formación permitirá mellorar a formación de máis de 5.000 profesionais do sector turístico ata finais de ano cun orzamento de preto de 90.000 euros. O Plan inclúe formación en materias como os idiomas, a xestión das empresas, gastronomía sustentable, calidade ou transformación dixital, na que se centra outro dos cursos que comezou esta semana, o de Transformación Dixital na Empresa Turística Galega.

Formación en idiomas, dixital e accesible

A formación en idiomas ocupa unha parte importante deste plan, que incrementa nun 75% as prazas en inglés, ademais de incorporar novos idiomas. Aínda así, a demanda superou á oferta, con 853 solicitudes das 700 prazas ofertadas. Os cursos de inglés, con 500 prazas para turismo rural, aloxamentos, axencias de viaxe, Camiño de Santiago, Rutas do Viño, Turismo Activo, comezaron esta semana e o vindeiro luns fano os de portugués e alemán. O plan de formación en idiomas cun total de 1.100 prazas culminará en outono con cursos de francés e italiano, así como cursos de Conversa de Inglés no Camiño de Santiago.

Completando a formación proposta neste mes de maio se celebraran os cursos para a Xestión de Empresas de Aloxamento (24 de maio), a Evolución do modelo de negocio de axencias de viaxe en Galicia: adaptación ao novo mercado (26 maio) ou tres cursos de prevención de riscos laborais (13 de maio) neste segundo Plan de Formación, froito do reforzo e a mellora da formación turística tralo comezo da crise da COVID19.

Imaxes relacionadas