A Xunta apela ao traballo conxunto cos axentes sociais para aproveitar as oportunidades que se abren na cadea de valor da industria galega coa dobre transición dixita e ecolóxica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, clausurou esta tarde en Ferrol o 3º Congreso CCOO Industria de Galicia

Incide na necesidade de diálogo social e espazos de consenso que exixe o contexto actual e fixa o obxectivo de lograr un Pacto de Estado por Ferrol para mobilizar os investimentos precisos que permitan a recuperación da comarca
 

Ferrol, 6 maio de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, apelou esta tarde en Ferrol ao traballo conxunto cos axentes sociais e económicos para aproveitar as oportunidades que se abren na cadea de valor da industria galega coa dobre transición dixital e ecolóxica, no marco do 3º Congreso CCOO Industria de Galicia.

Na súa intervención, o vicepresidente económico, asegurou que o contexto actual demanda diálogo social e amplos espazos de consenso entre os interlocutores sociais e económicos, o tecido empresarial e as distintas administracións para chegar a puntos de encontro que permitan afrontar os retos da transformación dixital e a transición ecolóxica.

Neste sentido, lembrou a delicada situación que atravesa, no terreo industrial e laboral, a comarca e incidiu na necesidade de traballar, de xeito conxunto, nun Pacto de Estado por Ferrol con medidas con prazos e orzamentos concretos que impulsen a reactivación económica desta zona.

Así, dentro do espírito de unidade de acción que se quere promover, Conde explicou que a colaboración das forzas sindicais será crucial para saír da crise máis fortalecidos e conseguir que o proceso de transición dea en Galicia alternativas a sectores e territorios onde teña maior impacto, como é o caso de Ferrol.
 

Imaxes relacionadas