A conselleira de Política Social visitou esta mañá este centro residencial de titularidade autonómica

Fabiola García anuncia un investimento de 400.000 euros para facer “a reforma máis ambiciosa da última década” na residencia da Pobra do Caramiñal

Reformarase a fachada exterior, substituiranse portas e remodelarase a cuberta principal do edificio

Pobra do Caramiñal (A Coruña), 6 de maio de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta tarde durante unha visita á residencia de maiores da Pobra do Caramiñal, que nas vindeiras semanas comezará “a reforma máis ambiciosa da última década” no centro. A Xunta de Galicia, apuntou, destinará máis de 400.000 euros ás obras de acondicionamento destas instalacións, que saen hoxe mesmo a licitación para que poidan dar inicio o antes posible.

Fabiola García asegurou que o obxectivo principal dos traballos que se acometerán neste centro residencial de titularidade autonómica é mellorar a calidade de vida das persoas maiores usuarias do centro. Para iso, entre outros aspectos, procederase á colocación de placas na fachada para permitir un mellor illamento, reformarase a cuberta principal e substituiranse algunhas das portas do interior.

Actuacións en centros residenciais

A consellería de Política Social puxo en valor “o esforzo e a xenerosidade dos maiores ante uns meses tan duros”, polo que unha vez que o 95% dos usuarios de residencias xa están vacinados para salvagardar a súa seguridade e a súa saúde, o Goberno galego traballa nun conxunto de actuacións centradas en mellorar a comodidade nos centros nos que viven.

Neste sentido, xa se deron a coñecer outras obras de mellora en instalacións sociosanitarias como o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, ao que se destinarán 400.000 euros, ou os 2 millóns de euros para equipamento da residencia de Cerdedo-Cotobade.

Imaxes relacionadas