O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta avanza o próximo inicio das expropiacións precisas para executar unha senda e mellorar a seguridade viaria na estrada PO-308 entre Fontenla e Combarro, no Concello de Poio

O director da Axencia Galega de Infraestrutura apunta á necesidade de que Concello estude a renovación dos servizos municipais do seu interese, para evitar as incidencias na súa execución, como sucedeu coas obras entre O Covelo e Raxó

Adianta que ao longo deste ano someterá a información pública o proxecto ampliado da senda Combarro-Chancelas-Samieira

Subliña como a estrada autonómica se está a converter nunha referencia de seguridade viaria, con 15 novos quilómetros de sendas xa executados e un investimento total de máis de 17 M€ na súa mellora

Sinala que lle corresponde ao Concello de Poio definir en termos urbanísticos o trazado dunha vía alternativa que capte o tráfico da PO-308

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, avanzou hoxe a aprobación nas próximas semanas do proxecto de mellora de seguridade viaria e construción dunha senda no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio. Así mesmo, prevese o inicio das expropiacións, que serán elevadas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Francisco Menéndez explicou que a actuación neste treito seguirá o procedemento seguido no caso do treito O Covelo-Raxó, no que ademais de executar unha senda, se actuou para reforzar a seguridade viaria ao situarse na zona un treito identificado como de concentración de accidentes.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas sinalou que para poder executar estas actuacións o Concello de Poio debería de estudar, se fose do seu interese, a renovación de servizos municipais. Isto, lembrou, é preciso para que os problemas de xestión dos mesmos por parte do Concello non incidan na execución das obras, como de feito sucedeu no treito entre O Covelo e Raxó, xa rematado.

Esta actuación entre Fontenla e Combarro completarase coa intervención noutro treito na PO-308 no municipio de Poio. Menéndez engadiu que o proxecto das sendas entre Combarro, Chancelas e Samieira, entre os puntos quilométricos 5+680 e 8+200, será sometido neste ano a un segundo proceso de información pública, unha vez mellorado como consecuencia das alegacións recibidas na primeira fase de exposición.

 

Avanzou que ese novo proceso de información pública se realizará ao longo deste ano para, a continuación, poder licitar a execución das obras.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas destacou que estas actuacións en Poio teñen como obxectivo acadar o calmado do tráfico mediante a construción de glorietas e a prohibición de xiros á esquerda, minimizando as afeccións e conseguindo unha importante mellora da seguridade viaria.

Francisco Menéndez incidiu en como as actuacións executadas pola Xunta están a permitir unha transformación histórica ao longo de toda a lonxitude desta estrada, tanto no municipio de Poio como no de Sanxenxo.

Subliñou que para a transformación da estrada PO-308 a Xunta leva mobilizados 15,65 M€ nos últimos 5 anos en actuacións que se completarán a curto prazo con outros 2,14 M€ nas sendas e melloras de seguridade viaria en Combarro-Fontenla e Combarro-Chancelas-Samieira.

Finalmente, apuntou que a responsabilidade dunha vía alternativa que facilite a convivencia dos veciños de Poio é fundamentalmente un problema municipal, de xestión urbanística, polo que debe ser o Concello o que propoña o trazado dunha variante que capte tráfico da PO-308 que sexa social, ambiental e financeiramente viable.

Imaxes relacionadas