A Xunta traslada ao Concello de Fornelos de Montes unha proposta de colaboración para a reforma do centro de saúde

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca que con esta actuación preténdese dar resposta ás necesidades asistenciais deste municipio

Sinala que a infraestrutura actual precisa dunha serie de actuacións para o acondicionamento e mellora das instalacións, deterioradas polo paso do tempo

Fornelos de Montes (Pontevedra), 6 de maio de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse hoxe co alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage Rodríguez, para trasladarlle unha proposta de colaboración para a reforma do centro de saúde.

A representante autonómica, que acudiu acompañada pola directora de Procesos Asistenciais da Área Sanitaria de Vigo, Susana Cerqueira, e a directora de Atención Primaria, Reyes Díaz Lambardi, destacou que con esta actuación preténdese dar resposta ás necesidades asistenciais deste municipio. Así, sinalou que a infraestrutura actual precisa dunha serie de actuacións para o acondicionamento e mellora das instalacións, deterioradas polo paso do tempo.

Deste xeito, o Executivo autonómico tal e como detallou Fernández-Tapias, propón unha actuación conxunta entre ambas administracións co obxectivo de abordar as necesidades detectadas polo Servicio de obras e Supervisión de Proxectos do Servizo Galego de Saúde. Entre eles, a delegada apuntou ao tratamento de humidades nos muros, unha vez eliminado o revestimento existente e a impermeabilización en contacto co terreo polo fronte exterior; así como o pintado do exterior e interior do edificio, incluíndo as portas, e os parámetros horizontais e verticais. Obras en conxunto valoradas nuns 9.000 euros, que serían asumidas cunha cofinanciación a partes iguais.

Trátase dun edificio de dúas alturas no que a planta baixa está adicada ao centro de saúde, que utiliza unha estancia do primeiro andar como almacén, mentres que o resto esta adicado a usos del concello ou baleiro. De titularidade municipal, foi construído no 1981, polo que ten unha antigüidade de 39 anos.

No 2001 o Sergas executou unha reforma e ampliación pola fachada posterior, habilitando unha consulta para urxencias, dous baños adaptados e unha sala de espera. Pola súa banda, o Concello realizou hai tres anos o cambio da cuberta e renovou a carpintería exterior do edificio.

Imaxes relacionadas