A Xunta apoia a celebración da Feira do Libro de Santiago no marco do impulso á reactivación do sector cultural

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da cita, que se desenvolverá no Paseo da Alameda ata o 17 de maio

A de Compostela é a segunda cita do circuíto de Feiras do Libro de Galicia que ten previstas 12 paradas ata o mes de agosto
 

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da 40ª Feira do Libro de Santiago, a segunda das 12 citas apoiadas este ano pola Xunta de Galicia no marco do impulso ao Plan de reactivación para o sector cultural.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que o feito de que esta feira coincida coas festas da Ascensión supón unha magnífica oportunidade para que a cidadanía goce desta cita. Así mesmo, convidou a aproveitar a presenza das librarías no Paseo da Alameda para achegarse ao libro galego, “tendo en conta ademais que a clausura desta é o Día das Letras Galegas, o que fai dela unha estupenda ocasión para coñecer máis de preto a figura de Xela Arias”.

Así mesmo, o secretario xeral de Cultura destacou que as feiras permiten aos lectores coñecer aos autores e establecer contacto cos libreiros, e puxo en valor a oportunidade de facelo tras un ano no que as posibilidades de celebrar actos como sinaturas ou presentacións de libros se viron limitadas por mor da pandemia. De feito, o programa inclúe a asistencia de máis de 60 autores para asinar exemplares e presentar as súas obras, que se poderán adquirir nas casetas das cinco librarías participantes (Pedreira, Cortizas, Aenea, A Gata Tola, Ler e Lorca Libros) cun 10% de desconto.

A 40ª Feira do Libro de Santiago de Compostela celébrase ao abeiro do acordo asinado entre o Goberno galego e a Libreiros de Galicia, a través do que a Consellería colabora con 120.000€ na celebración das 12 citas que compoñen este ano o calendario, catro máis que o ano pasado. Tras Ferrol e Santiago, o percorrido continuará no Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos.

Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro