O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, compareceu esta mañá na Comisión 5ª de Sanidad, Política Social e Emprego do Parlamento galego

A Xunta recibe 84 solicitudes para a apertura de novas casas do maior, que cuadriplicarán a súa implantación neste ano

Esta convocatoria permitirá a apertura de 63 centros, que se sumarán aos 20 xa en funcionamento

A provincia que máis solicitudes presentou foi Ourense con 28, seguida da Coruña con 23, Pontevedra con 18 e Lugo con 15

A flexibilización da convocatoria de 2021 permitirá a creación deste servizo en concellos sen outro recurso destas características, e os seus responsables poderán asumir os gastos de desprazamento dos usuarios

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

A Xunta recibiu 84 solicitudes para a apertura de novas casas do maior, pequenos centros de día no rural totalmente gratuítos para os usuarios que permiten atender a un máximo de cinco persoas maiores. O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, explicou durante a súa comparecencia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego que estes servizos de conciliación se cuadriplicarán durante este ano.

Neste sentido, sinalou que a convocatoria deste ano permitirá a apertura de 63 novos centros en toda Galicia, que se sumarán aos 20 xa existentes. O prazo de solicitude para poñer en marcha este servizo en 2021 finalizou o pasado venres 30 de abril, e en total recibíronse 84 peticións: 28 pertencen a concellos da provincia de Ourense, 23 da Coruña, 18 de Pontevedra e 15 de Lugo.

O director xeral enumerou as novidades desta nova convocatoria, entre as que se atopa que as persoas usuarias non precisen ter un grao de dependencia recoñecido, senón que tamén estea aberto a persoas autónomas. En segundo lugar, elimínase o requisito de que estes centros se poidan situar unicamente en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así, os que se abran este ano poderán estar en municipios sen ningún tipo de atención diúrna, aínda que puntualizou que se dará prioridade aos máis pequenos.

Desprazamento das persoas usuarias

Ademais, tamén se amplía este servizo de maneira que as responsables das casas do maior poidan asumir os desprazamentos das persoas maiores, desde e cara os centros. Con este fin, a Xunta ofrece ás promotoras unha axuda adicional de 5 euros por persoa e día. Por último, para facilitar a xestión das casas do maior, a convocatoria prevé anticipos das axudas, tanto dos fondos para a adecuación —ata o 80%—como dos fondos para o seu funcionamento diario —o 100% durante o primeiro ano e o 75% durante os dous seguintes—.

O Goberno galego destinará a esta convocatoria un total de 5 millóns de euros, dos que preto dun millón se empregará na adecuación dos centros, cun máximo de axuda de 15.000 euros por proxecto; e os máis de catro millóns de euros restantes serán para o seu funcionamento diario. A este fin destinaranse 19.600 euros anuais por cada casa do maior ata o ano 2023.

Imaxes relacionadas