O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) reuniuse cos directores dos seis centros formativos dependentes da Consellería do Medio Rural

A Xunta anima a mocidade galega a aproveitar as oportunidades que ofrece a formación agroforestal para a inserción laboral

José Luis Cabarcos destacou tamén a importancia desta oferta formativa para a permanente posta ao día dos profesionais do agro e lembrou que nos últimos cinco anos recibiron formación regrada no eido rural un total de 1.886 alumnos

Boqueixón (A Coruña), 6 de maio de 2021.- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo cos directores dos seis centros de formación que dependen da Consellería do Medio Rural (Guísamo, Becerreá, Lourizán, Pedro Murias, Sergude e Monforte).

Neste encontro, que tivo lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), avaliouse a planificación relativa á formación que impulsa este departamento da Xunta e analizáronse os diferentes programas orientados cara o fomento do emprendemento no eido agrogandeiro e forestal, así como os de prácticas para o alumnado.

Neste contexto, o responsable da Agacal animou os mozos galegos a aproveitar as oportunidades de formación que ofrecen estes centros, espallados por toda Galicia, e puxo en valor a súa importancia tanto para a permanente posta ao día dos profesionais do agro como para a inserción laboral de novos activos no campo.

Neste mesmo sentido, José Luis Cabarcos puxo tamén de relevo a necesidade da formación para garantir o futuro dos sectores agrario, gandeiro e forestal e referiuse ao Plan de formación ao agro galego da Xunta como unha iniciativa estratéxica que materializa unha oferta aberta, flexible e accesible de aprendizaxe permanente. Algo, dixo, que contribúe á profesionalización das explotacións, que fomenta a competitividade das empresas e que favorece a remuda xeracional no rural.

En relación con esta oferta formativa, o director da Agacal lembrou que nos últimos cinco anos recibiron formación regrada nestas instalacións de Medio Rural un total de 1.886 alumnos. A maiores, Cabarcos salientou o esforzo que vén realizando a Consellería en materia de formación continua e complementaria, así como nas accións de transferencia (congresos, charlas, conferencias, seminarios, campos de ensaio, campos de demostración e outros).

Estratexia do lácteo

Dentro da formación complementaria, o director da Agacal fixo especial fincapé nos cursos asociados á Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, deseñados para cumprir co compromiso de profesionalizar estes produtores e aumentar a rendibilidade das súas explotacións.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Pazo de Quián acolle dende o pasado día 22 de abril e ata finais de maio o primeiro destes cursos, baixo a denominación de “Gandeiros 20-30”. Trátase dunha acción formativa na que participan unha vintena de alumnos e que está concibida para impulsar as competencias empresariais nas explotacións gandeiras e para facilitar aos produtores coñecementos contables, financeiros e fiscais.

Precisamente, dentro deste curso hoxe mesmo interveu o investigador do CIAM de Mabegondo César Resch. Este experto trasladou aos alumnos a súa experiencia dentro do departamento de Produción Animal deste centro e animounos a tomar a iniciativa e emprender dentro do sector primario, polas posibilidades que ofrece este eido para a súa inserción no mundo laboral.